top of page

O Concello de Rodeiro esíxelle á Deputación que "pague de inmediato a reforma da Praza de Oseira"

O goberno local tilda de “desfachatez, tomadura de pelo e caradura política que o organismo provincial publicite esta obra como propia cando se nega a pagala, malia que xa lle obriga unha sentenza xudicial fronte á que presentou un recurso"


Ecos da Comarca/Rodeiro

O Concello de Rodeiro esíxelle publicamente á Deputación de Pontevedra que pague de inmediato a reforma integral da Praza de Oseira, que ten concedida unha achega para o seu financiamento por parte do organismo provincial, despois de que fora incluida esta pasada fin de semana nunha publicidade institucional insertada en diversos medios de

comunicación.


O goberno local tildou de “desfachatez, caradura política e tomadura de pelo cara os

veciños de Rodeiro” que a institución dirixida por Carmela Silva publicite esta obra como

propia da xestión provincial, “cando foi proxectada e impulsada pola administración local e

cando, aínda por riba, se nega a pagar o investimento concedido malia ter unha sentenza

xudicial que lle obriga a elo e fronte á cal presentou o correspondente recurso”.


Cómpre lembrar que, a finais do ano 2019, o Concello recibiu a concesión de 300.000 euros por parte da Deputación para sufragar o custo da rehabilitación integral desta Praza de Oseira e que a mesma foi adxudicada a finais de 2020 para a súa posterior execución, xa completada, pero o organismo provincial negouse sempre a abonar o importe concedido alegando que estaba fóra de prazo.


O Concello presentou unha denuncia e o Xulgado do Contencioso-Administrativo número

1 de Pontevedra deulle a razón, obrigando á Deputación a pagar integramente a achega,

"pero o organismo provincial segue rexeitándoo e presentou recurso, malia que a corporación municipal de Rodeiro aprobou a comezos deste ano por unanimidade -co apoio de UxR e o PSOE- unha moción do PP esixindo o pago inmediato", explica o goberno local.

Dende o Concello lembran que a obra, adxudicada en 275.000 euros, xa está abonada

con fondos propios de Rodeiro “para que o desleixo da Deputación non perxudique á

construtora e aos seus traballadores” e agora demandan novamente ao organismo dirixido

por Carmela Silva que “cese no seu empeño de danar á tesourería municipal, que

afortunadamente é forte e pode aguantar imprevistos ou boicots coma este, e ao interese

xeral dos veciños cunha lea na que non teñen razón ningunha”.


“A propaganda dos socialistas chega a uns niveis escandalosos, porque que a Deputación

queira vender que apoia aos concellos rurais cunhas obras cando nos ten bastante

abandonados aínda podería ter un pase dentro do xogo político, pero que inclúa unha obra

que non quere pagar malia que lle corresponde roza o surrealismo e a esquizofrenia

política”, sinalan dende o goberno local.

Finalmente, o executivo agarda que o coordinador comarcal socialista e candidato José

Luis Camiñas “sexa tan contundente como noutras ocasións e reclame con claridade aos

seus compañeiros socialistas da Deputación que deixen de perxudicar a Rodeiro e que

paguen a débeda que teñen con este Concello, recoñecida por sentenza xudicial, pero

moito nos tememos que agochará a cabeza e mirará para outro lado, porque non ten a

valentía de defender a Rodeiro por diante das siglas do PSOE”.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page