top of page

"O BNG que se deixe de chiquilladas e póñase a practicar a política útil: a de construción e unión"

"Parece que vai mostrando a súa verdadeira cara ante os veciños e é que fai igual en todas as administracións, leva a contraria sen causa e sen xustificación e logo quere poñerse de vítima", acusa o PP de Vila de Cruces


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

“En Política non hai absurdo imposible: unha afirmación que tristemente, día tras día, podemos afirmar que é certa", afirma o PP de Vila de Cruces que por alusións directas do grupo municipal do BNG "cara a nós, queremos dar o noso punto de vista sobre o caso da humanización da Rúa Vázquez en pleno centro urbano de Vila de Cruces así como o caso dos mapas do Legado Hilgen". "Vaia por diante, a nosa recomendación ao grupo do BNG, que se deixe de chiquilladas e póñase a practicar a política útil, a da construción e unión, non a que abanderan eles que é a da confrontación e levar a contraria de forma sistemática", reprochan os populares.

"Din que o noso grupo puido facer as cousas ben, votando, do mesmo xeito que fixeron eles, en contra desta obra. Ben, a primeira lección dámoslla de forma gratuíta, por encima das cores políticas e as contas con fins electorais están os veciños e as veciñas do municipio e votando en contra, como fixo o BNG e como di que era o correcto, o único que se conseguiría sería a perda dunha importante subvención e por tanto repercutiría moi negativamente no municipio", recalca. Por este motivo, sinala que o grupo popular "optou pola abstención confiando na boa vontade do señor Taboada tras mostrar a nosa preferencia por falar con comerciantes e veciños antes de proceder a iniciar as obras".


"Parece pois, que ao fin, o grupo do BNG, vai mostrando a súa verdadeira cara ante os veciños do municipio e é que fai igual en todas as administracións, leva a contraria sen causa e sen xustificación e logo quere poñerse de vítima. Seguen pensando que o correcto era votar en contra e que o municipio quedase sen unha subvención e investimento tan importante? Teranllo que explicar a todos os veciños e veciñas. Nós desde logo estamos a favor de todo o investimento que chegue a Vila de Cruces pois a repercusión é tremendamente positiva para os veciños e por iso, por sentido común e porque somos servidores públicos ao servizo da cidadanía nunca nos posicionaremos en contra diso, como fixeron vostedes neste caso", subliña.

"Outra cousa é a xestión da obra e aí, estando completamente a favor da humanización da devandita rúa, cremos que o goberno municipal debe dialogar e chegar a un gran acordo cos comerciantes, para o que o noso grupo está a disposición para axudar no que sexa necesario, posto que o beneficio será para o municipio. Non queremos ser mal pensados pero case parece que desde o BNG están nerviosos polo feito de que exista consenso no Pleno ante temas de relevancia e importancia capital".


Legado Hilgen

E os populares tamén se pronuncian en relación á perda dos Mapas de Hilgen."O noso asombro non é menor en relación ao que desde o grupo municipal do BNG din sobre os Mapas do Legado Hilgen. En primeiro lugar, parece que o BNG manexa datos que todos descoñecemos, non entendemos o motivo. Aseguramos isto porque nin quen os reclama fixa un número exacto, desde logo, curioso. En segundo lugar, desde o noso grupo, NON votamos en contra da constitución da comisión de investigación sobre este tema, polo que non entendemos as críticas cara o noso grupo. E por último, queremos sinalar que no seu día, había unha persoa responsable do Museo da Minería, que posteriormente se alistou nun partido político, que precisamente non é o grupo popular. Entendemos que esta persoa é a idónea para explicarnos este caso. Concluímos, recomendando prudencia aos nacionalistas cruceños, non se fixen nos seus correlixionarios a nivel autonómico porque poden toparse con realidades das que teñan que pedir desculpas", conclúen.


NOTICIAS RELACIONADAS:




Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page