A deputada do Bloque, Ariadna Fernández e o portavoz municipal de Vila de Cruces, Álex Fiuza, mantiveron unha reunión coa ANPA do CEIP Cerdeiriñas de Piloño
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG vén de presentar iniciativas parlamentarias reclamando á Consellaría de Educación que dote do persoal docente necesario ao CEIP Plurilingüe Cerdeiriñas de Piloño (Vila de Cruces), para garantir a calidade educativa e a capacidade dos docentes de prestar a atención precisa ao alumnado, cumprindo as rateos axeitadas en cada ciclo educativo, tendo en conta a atención ás crianzas con necesidades especiais. Logo da xuntanza mantida entre a deputada nacionalista, Ariadna Fernández, o portavoz municipal, Álex Fiuza e a ANPA do CEIP de Piloño o pasado venres, 27 de setembro, na que esta lle expuxo pormenorizadamente a problemática existen no citado centro.

O BNG de Vila de Cruces conseguía ese mesmo venres a unanimidade para aprobar a moción presentada no pleno de Vila de Cruces, onde se pedía instar a Educación a reposición completa do plantel de docentes para o centro. Tamén o día 1 de outubro, no Parlamento Galego rexistrou varias iniciativas en forma de PNL e preguntas en pleno, en comisión e para a súa resposta por escrito, todas elas tendentes a solucionar a problemática xurdida a raíz da supresión de docentes no centro.
Hai que lembrar que este centro con 65 crianzas matriculadas actualmente, veu reducido o seu plantel coa conseguinte consecuencia de agrupamentos en todos os niveis de educación primaria, superando ás rateos no primeiro e segundo nivel de primaria.
Publicidade
A deputada nacionalista considera que “hai que garantir que a calidade educativa deste centro situado no rural sexa a mesma que a de calquera outro, sen discriminación de ningún tipo por situación territorial”. Desa convicción, pregunta se a Xunta de Galiza ten pensado garantir os dereitos do alumnado do CEIP asignando docentes para cubrir todas as horas lectivas, gardas, reforzos e atención a necesidades especiais das crianzas durante presente curso, dado que nestes momentos non é a axeitada.
NOTICIAS RELACIONADAS:
A ANPA do colexio cruceño Cerdeiriñas demanda á Consellería de Educación dous docentes máis: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-anpa-do-colexio-cruce%C3%B1o-cerdeiri%C3%B1as-demanda-%C3%A1-conseller%C3%ADa-de-educaci%C3%B3n-dous-docentes-m%C3%A1is
O BNG de Cruces pide á Xunta que repoña o profesorado no CEIP Cerdeiriñas de Piloño: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-de-cruces-pide-%C3%A1-xunta-que-repo%C3%B1a-o-profesorado-no-ceip-cerdeiri%C3%B1as-de-pilo%C3%B1o
Comments