Ana Pontón pon en valor en Silleda o gran traballo do grupo municipal no ecuador do mandato
- ecosdacomarca
- hace 1 día
- 3 Min. de lectura
Destaca a política útil do BNG neste concello e no conxunto da comarca exemplificado na histórica rebaixa das peaxes da AP-53
Ecos da Comarca/Silleda
A portavoz nacional, Ana Pontón, puxo en valor en Silleda o gran traballo do grupo municipal no ecuador do mandato, demostrando que hai “outra forma de entender a política”, unha política útil para mellorar a vida das persoas tanto no concello como no conxunto da comarca que exemplificou na histórica rebaixa das peaxes da AP-53 lograda polo BNG no acordo de investidura.
Pontón indicou que o Bloque deu “un paso adiante”, cunha “renovación importante” e obtendo “un apoio relevante” dos veciños e veciñas de Silleda, demostrando que hai “outra visión e outro proxecto” para que o municipio poida “orientar ben as súas políticas de cara ao futuro”.
“Cremos que en Silleda fai falta un cambio e que o que se necesita é seguir o contacto coa veciñanza presentando o noso proxecto e a nosa alternativa e, desde logo, cun proxecto que leve un futuro mellor aos veciños e veciñas e sempre desde ese esquema da política útil ao servizo das persoas”, afondou en declaracións aos medios logo de visitar Nudesa, unha das empresas máis importantes da comarca e, subliñou, un referente na alimentación e a produción animal.

A portavoz nacional sinalou que para aproveitar todo o potencial do medio rural cómpre contar con empresas asentadas no territorio que axuden a dimensionar a base produtiva do Deza e do conxunto do País, mais tamén con infraestruturas que contribúan a incrementar a súa competitividade.
Pontón salientou como esa concepción da política útil que, a diferenza do PP, practica o Bloque, permitiu acadar a histórica rebaixa nas peaxes da AP-53. “Nesta lexislatura, o BNG apostou dunha forma moi clara por mellorar a competitividade desta comarca poñendo sobre a mesa unha rebaixa a través dos descontos que se aplican na AP-53, un logro histórico”, afondou logo de destacar a implicación do conxunto da comarca “que sempre denunciou o agravio dunhas peaxes moi elevadas que supoñían unha discriminación para O Deza”.
Neste sentido, indicou que os descontos que conseguiu a formación nacionalista no acordo de investidura e que se executaron este ano son “unha gra noticia e unha medida histórica” que permite axudar ás familias e ás pequenas e medianas empresas da comarca, contribuír a mellorar a súa seguridade viaria e incrementar a súa competitividade.
A líder nacionalista destacou a “boa acollida” da medida, dado o incremento da utilización e o propio tráfico da AP-53 “grazas a estes descontos históricos”, un exemplo máis, incidiu, desa “política útil ao servizo da veciñanza” que consegue “poñer os intereses das e dos galegos no centro”.
Solicitude de comparecencia de Rueda no Parlamento
Por outra parte, Pontón avanzou que o BNG solicitará a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento para que explique “as razóns que o levan a estar traballando en contra dos intereses de Galiza” poñéndolle “cancelas” ao galego en Europa precisamente cando o que máis se necesita neste momento é apoiar a lingua, dada a “situación de emerxencia lingüística”.
Pontón cualificou de “lamentable e triste” que o PP estea poñendo a Xunta “ao servizo da estratexia partidista do Partido Popular de Madrid”, que utiliza Galiza “única e exclusivamente no seu pim-pam-pum co Goberno central” para seguir nunha estratexia de desgaste “sen importarlle que Galiza perda con esa estratexia”, advertiu.
Publicidade
Neste sentido, apuntou como último exemplo ás manobras e presións do PP para que o galego non fose recoñecido de maneira oficial na UE. “É unha vergoña e unha deslealdade a Galiza que este tándem Feijóo-Rueda, nada máis e nada menos que un expresidente e o actual presidente da Xunta, estiveran traballando en contra do recoñecemento do galego como lingua oficial na Unión Europea”, recriminou. “É un exemplo máis de até que punto o señor Rueda está utilizando Galiza na estratexia partidista do Partido Popular sen importarlle que iso teña consecuencias negativas para o noso País”, sintetizou.
A portavoz nacional cuestionou por que ao PP lle molesta tanto o galego. “Por que queren cerrarlle portas á nosa lingua cando é o momento de abrirllas? Por que o Partido Popular está disposto a traballar unha vez máis en contra do galego?”, interpelou. Pontón concluíu indicando que ten que ser o propio Rueda, como xefe do Executivo, o que debe responder a estas preguntas en sede parlamentaria, para o que o BNG solicitará a súa comparecencia na Cámara.
Comentários