O SLG anima á veciñanza a apoiar a manifestación “Celulosas fóra” o vindeiro domingo 1 de xuño
- ecosdacomarca
- hace 1 día
- 3 Min. de lectura
Está convocada pola Asociación Pola Defensa da Ría, a Plataforma por unha Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa
Ecos da Comarca/Xeral
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) apoian e animan a toda a cidadanía a participar na manifestación nacional convocada pola Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), a Plataforma por unha Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (Pedra) contra as fábricas de celulosa Ence e Altri.
Como foi anunciado na rolda de prensa celebrada o pasado 19 de maio e que contou con representación do SLG a través de Xulio Fernández (SLG Arzúa), baixo a consigna “Celulosas fóra”, ás 12 horas do vindeiro domingo 1 de xuño a mobilización partirá simultaneamente das alamedas de Pontevedra e Marín para confluír diante da entrada principal de Ence na marisma de Lourizán.
Precisamente fai agora un ano, en maio do 2024, a instancias do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e outras organizacións sociais foi debatido no Consello Forestal o impacto do proxecto GAMA, que a portuguesa Altri e a galega Greenalia (Greenfiber SL) pretenden impoñer na Ulloa ca conivencia estratéxica do Partido Popular dende a Xunta de Galicia, unha macrocelulosa dez veces maior que a de ENCE na Ría de Pontevedra.

"A día de hoxe, por mor precisamente da presencia de Ence no noso país -prorrogada contra a vontade popular e sen respectar o marco legal, segundo confirmou a Comisión Europea fai apenas uns meses-, na Galiza temos unha clara problemática de sobreocupación e produción de eucalipto, non só percibida pola inmensa maioría da sociedade, senón mesmo recoñecida pola Administración pública: a día de hoxe a Lei 11/2021 de recuperación da terra agraria de Galicia prohibe as novas plantacións desta especie ata finais deste ano 2025", sinala o sindicato.
Porén, cómpre sinalar "tamén que a día de hoxe podemos afirmar que esta moratoria tiña como principal obxectivo apaciguar a opinión pública, xa que xa o ano pasado por estas datas estaban máis que superadas as previsións de plantacións de eucalipto que figuraban inicialmente no Plan Forestal de Galicia para o ano 2030, sendo chamativamente escasas as medidas de control de plantacións ilegais".
E recalca que "Galiza é o territorio con menor Superficie Agraria Útil (SAU) de todo o Estado -só un 21%, fronte á media estatal do 45,8%- e os concellos ameazados por Altri-Greenalia xa están particularmente afectados pola diminución de SAU, sendo o destino dunha alta porcentaxe das terras a forestación. Como temos alertado reiteradamente, de ser construída esta macrocelulosa na comarca da Ulloa, a afectación máis importante recaerá sobre as actividades que están ligadas á alimentación, principalmente na agricultura, gandaría, pesca e marisqueo".
Concretamente no que respecta ao seu impacto na produción agropecuaria, subliña que "a día de hoxe na contorna de 30 km de afectación mínima desta industria hai máis de 5.000 granxas produtoras de alimentos. De feito, só nos catro concellos principalmente afectados temos xa 758 granxas con distintas orientacións produtivas, así como producións de calidade diferenciada como as albergadas no Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Queixo Arzúa-Ulloa, a DOP Queixo de Tetilla ou na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia".
Publicidade
"Milleiros de postos de traballo ligados á produción de alimentos en base a granxas de carácter familiar, vinculados á realización de actividades que procuran unha sostenibilidade medioambiental e un medio rural vivo, estarían en perigo por mor do verquido diario de 30 millóns de litros de auga con substancias químicas e a contaminación medioambiental nun radio de alomenos 40km que carrexaría o complexo industrial de Altri-Greenalia", recalca.
"Dende o Sindicato Labrego Galego queremos pór en valor que precisamente grazas á organización e á mobilización social ao longo da nosa historia o pobo galego ten sido capaz de parar moitos proxectos que de seguir adiante terían un impacto tremendo no noso rural e na súa xente. Tamén, unidas, conseguiremos paralizar a macrocelulosa de Altri-Greenalia. Este domingo 1 de xuño deixarémolo ben claro: “nin Ence na Ría, nin Altri na Ulloa”.
Comments