O pleno de Silleda abordará a entrada do Concello na primeira Comunidade Enerxética do municipio
- Laura Moure
- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
Tamén se someterá a aprobación a creación do Consello da Muller, a entrada de Silleda na asociación de municipios do Ulla ou o convenio para que a Agasp realice o proceso de selección para as prazas de Policía Local
Laura Moure/Silleda
O pleno ordinario de Silleda do vindeiro venres abordará a entrada do Concello na Asociación Comunidade Enerxética Trasdeza, constituida a finais do pasado mes de abril. Esta é a primeira das comunidades enerxéticas que se crean no municipio, para promover o autoconsumo colectivo de enerxía renovable, co asesoramento da Universidade de Vigo e a Fegamp, entre outras institución.
A Comunidade Enerxética Trasdeza, que xa opera como asociación legalmente constituída para así optar ás distintas liñas de subvencións dispoñibles no marco da transición enerxética, enmárcase así mesmo no proxecto europeo EC4RURAL, no que o Concello de Silleda participa xunto a outros 19 concellos rurais galegos. No marco deste proxecto, no ano 2024 realizouse unha enquisa entre a veciñanza, empresas e asociacións do municipio para coñecer o seu grao de interese e coñecemento sobre as comunidades enerxéticas e o autoconsumo colectivo. As respostas recollidas foron fundamentais para deseñar un modelo axeitado ás necesidades locais.

O obxectivo principal é garantir que o rural teña un papel protagonista no cambio de modelo enerxético, fomentando o uso de enerxías limpas e renovables. Por parte do concello propónse a colaboración aportando, entre outros instalación públicas (tellados de edificios) para albergar as placas fotovoltáicas.
Outro dos asuntos que se someterá a aprobación do Pleno é a aprobación dos estatutos da Asociación de Concellos do Ulla, colectivo para dar forma xurídica ao grupo de 20 concellos que dende o ano 2011 participan na iniciativa Goza do Ulla.
Tamén se inclue na orde do día o regulamento para o Consello da Muller, que inclúe aportacións feitas polos distintos grupos municipais. Esta entidade, que velará polas condicións que posibiliten a igualdade efectiva entre homes e mulleres e a plena participación da muller na vida cidadá, política, económica, social e cultural de Silleda, recolle no seu regulamento os fins e obxectivos do consello, as funcións a desenvolver e as distintas comisións de traballo que se crearán.
Publicidade
Así mesmo, e ademais das bases do Plan Municipal para a creación de emprego e as bases que rexerán a concesión de axudas ao estudo, tamén se abordará a sinatura do convenio coa Academia Galega de Seguridade Pública para realizar a selección de personal de Policía local. Deste xeito, Silleda seguiría os pasos doutros concellos que teñen asinado con este organismo autonómico o acordo para encargarse de todo o proceso de selección. Na Oferta Pública de Emprego para 2025 do Concello de Silleda figura unha plaza de axente e outra de oficial, esta última por promoción interna.
Ás bonificación do IBI para explotacións agrogandeiras sumarase tamén na orde do día outra bonificación do 95% do ICIO na licenza de renovación da cuberta do centro de Cogami en Medelo, seguindo a ordenanza reguladora deste imposto, que permite bonificar a colectivos e entidades de especial consideración.
Así mesmo tamén figura na orde do día a aprobación inicial da modificación puntual do PXOM ca que se reordenan zonas verdes no polígono, no entorno da planta de Sogama.
Comments