O BNG demanda no Parlamento Galego melloras no financiamento do IES Pintor Colmeiro de Silleda
- ecosdacomarca
- 22 may 2024
- 2 Min. de lectura
Esta foi unha das principais reivindicacións que trasladou o equipo directivo aos concelleiros nacionalistas locais nunha recente visita ao centro educativo
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG vén de presentar unha proposición non de lei, para debate no pleno do Parlamento Galego, para instar á Xunta a dotar unha partida específica nos orzamentos para financiar os custos extraordinarios que soporta o IES Pintor Colmeiro de Silleda como consecuencia de impartir o ciclo medio de Guía do medio natural e do tempo libre. Dito ciclo conta con varios módulos que deben impartirse fóra das instalacións, o que implica que o centro deba asumir uns custos adicionais derivados da sinatura de convenios con empresas que prestan os servizos que son obxecto de estudo (equitación, natación, socorrismo...) así como os gastos de desprazamento ás mesmas ou gastos de compra de materiais específicos do ciclo.

"Se ben o primeiro lectivo do ciclo a administración transferíu unha partida puntual para facer fronte aos gastos específicos de implantación, o certo é que nas anualidades seguintes os gastos recorrentes están a ser sufragados co orzamento xeral dos centros.
Esta falta de financiación está afectando ao normal funcionamento do centro, debido á
redución drástica da asignación a outros departamentos e á redución de actividades
educativas de interese para o alumnado", asegura o Bloque.
Publicidade
Por iso, o BNG pide á Xunta que dote ao IES Pintor Colmeiro de Silleda (e aos outros tres
centros galegos que tamén imparten o ciclo) dos medios materiais necesarios, así como dunha partida económica recorrente que permita aos mesmos impartir o ciclo en condicións de calidade sen limitar a capacidade dos centros para realizar outras actividades educativas de interese xeral do alumnado.
Publicidade
Esta proposta recolle unha das principais demandas trasladadas polo equipo docente do centro aos concelleiros do BNG de Silleda, Erea Rey e Xerardo Díaz, nunha recente visita ao Pintor Colmeiro para coñecer as necesidades da súa comunidade educativa.
Comments