top of page
Foto del escritorLaura Moure

O humorista Víctor Fábregas será o pregoeiro da XXX Festa Gastronómica do Galo de Curral de Cruces

Celebrarase os días 25 e 26 de maio con grandes actuacións musicais e a tradicional degustación deste manxar


Laura Moure/Vila de Cruces

O Concello de Vila de Cruces presenta o programa da Festa Gastronómica do Galo de Curral, que este ano celebrará o seu 30 aniversario os días 25 e 26 de maio. O alcalde da localidade, Luis Taboada, convida a todo o mundo a gozar desta festa en Vila de Cruces,

“terra hospitalaria, de árbores e bo xantar”, segundo subliña.


Considerada Festa de Interese Turístico Galego, a celebración comezará o sábado, 25

de maio, co XXX Festival de Bandas de Música de Galicia, que comezará ás 18:00 horas na Praza Juan Carlos I, diante do Concello. Contarase coa presenza da Banda de Música Unión Musical de Ponteledesma, a Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas e a Banda de Música Artística de Merza. Previamente, para o festival de bandas o Concello convocou un concurso de carteis dirixido aos alumnos dos centros educativos do municipio. Nesta edición, o cartel gañador foi creado por Leire Louzao Facorro, estudante de 8 anos do CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, en Vila de Cruces, que recibirá un premio en metálico de 99 euros.

Esta festa nunha edición pasada.

A fin de semana da XXX Festa Gastronómica do Galo de Curral continuará o domingo, 26 de maio, coa xornada grande da festividade, que estará presentada pola xornalista cruceña Mercedes Seijo. Comezará ás 11:00 horas con pasarrúas a cargo dos grupos folclóricos ‘O Arco de Merza’ e ‘Vai-Nela de Salgueiros’. Xa ás 11:30 horas a festividade contará cunha exhibición de coches antigos a cargo da Escudería Históricos do Deza na praza do Concello.


O ambiente festeiro continuará ás 12:10 horas coa actuación do grupo local de percusión ‘Odaiko’ que encherá cos seus sons toda a vila. Odaiko montará o seu propio espectáculo, caracterizado polo virtuosismo, o humor e unha gran posta en escena, con moitos elementos percusivos. Juan Collazo, Antonio Ocampo, Félix Rodríguez e Fran Troncoso compoñen esta formación de percusión contemporánea que fusiona sons do jazz, flamenco, folk e mesmo sons traídos da música tradicional hindú e senegalesa.


Un dos momentos cume da xornada será o pregón, ás 12:45 horas, a cargo do actor e humorista Víctor Fábregas (Esteiro, Muros, 1971), moi coñecido polo show Os Tonechos, co que se deu a coñecer xunto a Roberto Vilar en TVG e en moitos espectáculos por toda a xeografía galega.


O mediodía terá un gran momento musical. Ás 13:00 horas toda a veciñanza de Vila de

Cruces e os centos de visitantes que se achegarán ata a vila poderán desfrutar coas voces do grupo ‘Edad de Oro del Pop Español’, composto por Pablo Perea (La Trampa), Naím Thomas (primeira edición de OT), Javián (primeira edición de OT) e Patricia Aguilar (finalista en ‘Tu cara no me suena todavía’) que interpretarán as cancións máis relevantes dos 80 e os 90.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Pero non todo pode ser música e, como auténtica festa gastronómica, contarase cunha degustación de galo de curral, a partir das 12:00 horas na praza do Concello. O restaurante Onde Antonio, local de Lalín propietario dun veciño de Vila de Cruces, ofrecerá máis de 300 ración de galo de curral con patacas e fabas a un prezo simbólico

de tres euros.


O día pecharase por todo o alto coa música de verbena da orquestra Los Satélites, que ofrecerán unha gran actuación a partir das 18:00 horas.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page