Lalín declara apta para o consumo humano a auga da rede municipal e levanta todas as restricións
Ecos da Comarca/Lalín
O Concello de Lalín vén de comunicar este luns despois do mediodía que a auga da rede municipal xa é apta para o consumo humano, polo que quedan sen efecto todas as restricións preventivas decretadas nos últimos días debido aos problemas detectados na súa calidade.

Segundo a información trasladada este luns pola concesionaria Aquadeza, as últimas análises realizadas reflicten unha melloría da calidade da auga e certifican que esta reúne as condicións necesarias para o consumo humano.
Deste xeito, a veciñanza poderá recuperar o uso habitual da auga da billa, despois de varios días de preocupación pola turbidez e a cor que presentaba a auga en distintos puntos do municipio, así como polas medidas preventivas adoptadas polas autoridades municipais.
PUBLICIDADE
Non obstante, a concesionaria recomenda adoptar algunhas precaucións antes de retomar o consumo e o funcionamento ordinario das instalacións. En concreto, aconsella deixar correr a auga das billas, tanto fría como quente, durante uns minutos para renovar a que puidese permanecer estancada nas tubaxes interiores das vivendas e edificios.
Tamén recomenda revisar e limpar os perlizadores ou filtros das billas, xa que poderían ter retido partículas finas durante os días anteriores.

PUBLICIDADE
No caso dos establecementos hostaleiros, industrias alimentarias e edificios prioritarios, Aquadeza indica que será necesario purgar os circuítos interiores, cafeteras, máquinas de xeo e depósitos intermedios antes de retomar o seu funcionamento habitual. Ademais, deberán deixar constancia destas actuacións nos seus respectivos rexistros de autocontrol (APPCC).
O Concello agradece a comprensión e colaboración da veciñanza durante estes días e lamenta as molestias ocasionadas pola situación.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Lalín activa un plan de emerxencia de abastecemento de agua debido á reducción crítica dos depósitos: https://www.ecosdacomarca.com/post/lal%C3%ADn-activa-un-plan-de-emerxencia-de-abastecemento-de-agua-debido-%C3%A1-reducci%C3%B3n-cr%C3%ADtica-dos-dep%C3%B3sitos
Lalín reparte auga embotellada entre a veciñanza ante a turbidez da auga da traída: https://www.ecosdacomarca.com/post/lal%C3%ADn-reparte-auga-embotellada-entre-a-veci%C3%B1anza-ante-a-turbidez-da-auga-da-tra%C3%ADda
O BNG e o PSOE de Lalín esixen responsabilidades ao goberno de Crespo pola crise da auga:https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-e-o-psoe-de-lal%C3%ADn-esixen-responsabilidades-ao-goberno-de-crespo-pola-crise-da-auga
Falamos coa veciñanza: https://www.facebook.com/reel/1038981779211942









Comentarios