Violeta Rodríguez e Denís Bermúdez novas presidenta e tesoureiro de Ulloa Viva
A Plataforma celebrou onte en Palas de Rei asembleas ordinaria e extraordinaria
Ecos da Comarca/Palas de Rei
A Plataforma Ulloa Viva celebrou este domingo en Palas de Rei súa asemblea ordinaria e unha extraordinaria, para substituír aos ata os de agora presidente e tesoureiro, Juan Pedro Sánchez e Serxio Núñez, que presentaron as súas demisións por motivos persoais. En asemblea a Plataforma elixiu onte a Violeta Rodríguez como nova presidenta e Denís Bermúdez como tesoureiro. Como secretaria da Plataforma continúa no cargo Ana Otero.

Os membros da Xunta Directiva da Plataforma agradeceron o traballo feito polo anterior presidente, Juan Pedro Sánchez, e recoñeceron a importante labor feita desde que asumira o cargo en xullo do ano pasado. Tamén se puxo en valor o traballo desenvolvido neste tempo na tesourería da Plataforma por parte de Serxio Núñez. Ambos seguirán traballando e sendo parte do presente e futuro da Plataforma.
Na asemblea de onte en Palas de Rei máis do 98% dos preto de 200 votos emitidos proclamaron á nova presidenta e ao novo tesoureiro. Violeta Rodríguez (Melide), agradeceu a confianza da asemblea e declarouse “impresionada”. A nova presidenta dirixiuse aos socios e socias de Ulloa Viva e valorou a “unidade de acción social e veciñal” que acadou o colectivo nos últimos anos na loita contra o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.
PUBLICIDADE
Lembrou Violeta Rodríguez que “todas temos un obxectivo común, que Altri non se implante na Ulloa”, unha loita e un obxectivo no que puxo en valor “unidade, apoio, colaboración e moito traballo”. Violeta Rodríguez, que ata ode agora era vogal do equipo de legal da Plataforma, destacou o momento actual das loita contra Altri centrado na
“batalla legal”. A respecto lembrou que a Plataforma presentou un recurso contencioso administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra o “suposto arquivo” de Altri por parte da Xunta de Galicia e anunciou tamén que Ulloa Viva baralla ademais a posibilidade de emprender novas accións legais á falta de acceso ao expediente de captación por parte de Augas de Galicia.
O futuro da loita, segundo destacou a nova presidenta, pasa pola “acción legal e xudicial” contra a macrocelulosa. A respecto, dixo Violeta Rodríguez, que a Xunta Directiva estará “atenta” nun momento no que existe “moita desconfianza e incertidume” nesta loita por mor das “estrataxemas” da Xunta de Galicia nestes anos arredor do proxecto.
PUBLICIDADE
Pola súa banda Denís Bermúdez, proclamado novo tesoureiro de Ulloa Viva na asemblea deste domingo en Palas, agradeceu tamén o apoio das socias e socios “persoas de idades, procedencias e opinións diversas, que son a nosa grande virtude”. Bermúdez lembrou a “repercusión inmensa desta loita grazas ao traballo de todas, e puxo en valor que esta loita da Plataforma “forma parte da memoria colectiva de Galicia e temos a obriga de seguir manténdoa viva”.
Nas asambleas celebradas onte en Palas aprobouse tamén a modificación en diversas cuestións dos Estatutos de Ulloa Viva e a aprobación de Regulamento de Réxime Interno (RRI).









Comentarios