Forno acusa a Crespo de "cinismo fiscal": "Fala de baixar impostos quen os subiu todos en Lalín"
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, acusou ao senador, José Crespo e a Pedro Puy de "cinismo fiscal" polas súas declaracións de campaña sobre os impostos. Sinalou que “hai que ter moito descaro para acusar outros de asfixiar a cidadanía cando o PP subiu os impostos en Lalín ao seu máximo histórico”. Recordou que “subiu o IBI, recuperou as plusvalías e o ICIO e encareceu servizos como o lixo e a auga” e advertiu de que “ deixe de tomar os veciños de Lalín por parvos, porque coñecen perfectamente a diferenza entre o que Crespo que fala de baixar impostos en Madrid mentres os sobe en Lalín”.

A voceira socialista estendeu a crítica ás promesas electorais do PP, lembrando que falan de baixar impostos “son os mesmos que prometeron baixar o IVA e o subiron ao 21% ou os mesmos que lle puxeron un imposto ao sol”.
PUBLICIDADE
Doutra banda, Forno lembrou que en 2019 Crespo defendía que a Alcaldía requiría presenza e dedicación completa a Lalín e era incompatible con ter, segundo as súas propias palabras, “moqueta en Madrid”. Así, lembra que “non somos os socialistas os que dicimos que sexa incompatible ser alcalde con ser senador, foi el mesmo que se puxo este límite na campaña de 2019 e gustaríanos saber que cambiou”, sinala. Para Forno “cambiou de criterio porque cambiaron os seus intereses, pero o que non cambiou é a necesidade de Lalín de ter un alcalde que se ocupe dos seus problemas".
PUBLICIDADE
Finalmente, Forno chama a mobilizarse fronte a un goberno de Feijóo e Abascal. Subliñou que "hoxe en día votar ao PP é o mesmo que votar a Vox e ás súas políticas de retroceso". “A suba das pensións públicas, os dereitos das mulleres e a liberdade para decidir sobre a propia vida non poden quedar nas súas mans”, incidiu para asegurar que "o voto ao PSOE de Pedro Sánchez é a única garantía para defender os dereitos conquistados e seguir avanzando".









Comentarios