Silleda presenta «Coñeces á túa veciña?», unha campaña para visibilizar a violencia machista
A iniciativa, promovida pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra e deseñada por alumnas da Universidade de Vigo, pon o foco na violencia que permanece oculta no ámbito privado, especialmente no rural
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda acolleu onte presentación da campaña de sensibilización «Coñeces á túa veciña? Pero, realmente coñécela?», unha iniciativa promovida pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra e elaborada en colaboración con alumnas do Mestrado Universitario en Dirección de Arte en Publicidade da Universidade de Vigo, que busca visibilizar a violencia machista, especialmente no ámbito rural, e fomentar a implicación de toda a sociedade na súa prevención e detección. Na presentación participaron a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena; o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Alfonso Lago; e María José Rodríguez, efa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno.
A proposta parte dunha pregunta directa á cidadanía para cuestionar ata que punto coñecemos realmente ás persoas da nosa contorna. O seu lema chama a atención sobre a violencia machista que se produce no ámbito privado e que, en moitas ocasións, pode pasar inadvertida incluso entre persoas próximas.
A iniciativa convida así a mirar máis alá das aparencias, prestar atención ao que sucede ao noso redor e recoñecer que a prevención, a detección e o rexeitamento da violencia de xénero requiren a implicación de toda a comunidade. Esta mensaxe adquire unha especial relevancia nun municipio como Silleda, cun amplo territorio rural e poboación distribuída en 33 parroquias, onde a proximidade veciñal pode converterse nunha ferramenta fundamental de apoio ás mulleres que sofren situacións de violencia.

Colaboración coa Universidade de Vigo para achegar a sensibilización aos municipios
Durante a presentación, o subdelegado do Goberno, Alfonso Lago, explicou que a campaña de Silleda forma parte da colaboración que a Subdelegación mantén desde hai tres anos coa Universidade de Vigo para desenvolver accións de sensibilización contra a violencia machista nos concellos pequenos e medianos da provincia de Pontevedra.
Este proxecto permite poñer á disposición dos municipios, de maneira gratuíta, campañas deseñadas polo alumnado universitario e adaptadas ás particularidades e necesidades de cada localidade. No caso de Silleda, o proxecto creativo foi desenvolvido por Lola Bel Cattaneo, Miranda Rodríguez Martínez, Beltaine Barcaza García, María José Pereira
Rodríguez e Josefina Paisa Monforte, alumnas do Mestrado Universitario en Dirección de Arte en Publicidade da Universidade de Vigo.
O resultado é unha proposta que combina creatividade, comunicación visual e compromiso social, utilizando elementos próximos e facilmente recoñecibles para facer reflexionar á cidadanía sobre unha realidade que non sempre resulta visible.
Ventás que se abren para descubrir unha realidade oculta
Un dos elementos máis destacados da campaña é a instalación de vinilos nas ventás da planta baixa da Casa do Concello, concibidas como un soporte interactivo que permite descubrir diferentes mensaxes relacionadas coa violencia de xénero.
A través destas ventás, a iniciativa invita simbolicamente a mirar máis alá do que vemos a simple vista, amosando que detrás dunha aparente normalidade poden agocharse situacións de medo, control, humillación ou illamento. Mensaxes como «Non confundas o silencio con estar ben», «A violencia non sempre deixa marcas visibles» ou «A boa veciñanza tamén sabe escoitar» lembran que a violencia machista non se manifesta unicamente a través das agresións físicas, senón tamén mediante outras formas de maltrato máis difíciles de identificar.
A campaña inclúe tamén a distribución de folletos informativos, que xa foron enviados aos domicilios das parroquias rurais do municipio, co obxectivo de achegar directamente á veciñanza información sobre diferentes manifestacións da violencia de xénero e recomendacións para ofrecer apoio de forma prudente e respectuosa. Os materiais inciden na importancia de escoitar sen xulgar, respectar os tempos das vítimas, non impoñer decisións e facilitar o acceso aos recursos de atención especializados.
Siluetas con códigos QR e unha exposición no IES Pintor Colmeiro
A campaña terá tamén presenza noutros espazos públicos do municipio. Así, está prevista a colocación de siluetas negras de mulleres con códigos QR na praza da Igrexa de Silleda e na praza da Bandeira, co obxectivo de captar a atención das persoas que transiten por estes lugares e invitalas a afondar nas realidades que se agochan detrás da violencia machista.
PUBLICIDADE
A través destes códigos poderase acceder a diferentes relatos que abordan situacións de violencia psicolóxica, control, illamento e a importancia do apoio da contorna, reforzando así a mensaxe central da campaña e facendo partícipe á cidadanía dunha experiencia de sensibilización.
Ademais, o IES Pintor Colmeiro acollerá unha exposición centrada nas historias persoais de mulleres vítimas da violencia machista, unha proposta que pretende achegar esta realidade á comunidade educativa e promover a reflexión entre a mocidade.
Deste xeito, a campaña combina diferentes soportes e espazos de intervención, desde a propia Casa do Concello ata as rúas, os fogares e os centros educativos, ampliando o alcance dunha mensaxe que apela á responsabilidade colectiva fronte á violencia de xénero.
Marina Ledo, (in)Visible do 25-N
A campaña forma parte da programación impulsada polo Concello de Silleda con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que terá unha das súas citas centrais o vindeiro mércores 25 de novembro, ás 13:30 horas, coa homenaxe a Marina Ledo Sobrado, natural da parroquia de Fiestras, que será nomeada (in)Visible do 25-N nun acto na Casa do Concello. Marina Ledo foi unha das primeiras mulleres en incorporarse á Policía Local de Vigo, no ano 1981, e protagonizou unha traxectoria pioneira nun corpo historicamente masculinizado. En 1985 impulsou, xunto coa súa compañeira Begoña, a primeira patrulla integrada exclusivamente por mulleres.
Con este recoñecemento, o Concello quere poñer en valor a súa contribución á apertura de novos espazos profesionais para as mulleres e visibilizar a traxectoria dunha silledense que contribuíu a derrubar barreiras e estereotipos de xénero.
Teatro con Cristina Collazo e coloquio sobre igualdade
A programación continuará ese mesmo 25 de novembro, ás 17:00 horas, no Centro Cultural Vista Alegre, coa representación de Costureiriña bonita, da compañía A Cova das Letras, protagonizada pola actriz silledense Cristina Collazo. Trátase dunha proposta que combina teatro, música, títeres e tradición oral para render homenaxe ás mulleres galegas que atoparon na costura e na confección un oficio e, en moitos casos, unha oportunidade para construír o seu propio futuro.
Inspirada nas costureiras e modistas galegas, especialmente nas dos anos sesenta, a obra recupera lembranzas, cantigas e historias arredor dunha actividade profundamente vinculada á vida e á memoria das mulleres. A representación estará seguida dun coloquio sobre igualdade, ampliando a reflexión arredor do papel feminino na sociedade e da importancia de recuperar e recoñecer historias que durante décadas permaneceron nun
segundo plano.
A igualdade tamén se traballa desde a infancia
A programación municipal completarase co desenvolvemento do programa coeducativo «A muller e a igualdade na historia da música», promovido polo Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Silleda e financiado pola Deputación de Pontevedra.
A iniciativa arrancará co obradoiro As fadas do ritmo, dirixido ao alumnado de Educación Infantil de entre 3 e 5 anos e centrado na figura de Nannerl Mozart, compositora e irmá de Wolfgang Amadeus Mozart. A través dunha proposta lúdica e participativa, os obradoiros buscan visibilizar o talento feminino na historia da música, combater os estereotipos de xénero e fomentar a igualdade de oportunidades desde as primeiras idades.
PUBLICIDADE
As sesións desenvolveranse no CEIP Plurilingüe de Silleda os días 24 e 26 de novembro, e no CPR Plurilingüe María Inmaculada o 26 de novembro. O programa terá continuidade o 22 de decembro cunha nova actividade no marco de Silleda Concilia.
Con este conxunto de actuacións, o Concello de Silleda aposta por unha conmemoración do 25-N que combina sensibilización social, participación comunitaria, cultura, educación en igualdade e recoñecemento de referentes femininos, coa finalidade de seguir avanzando na prevención da violencia machista e na construción dunha sociedade máis igualitaria.









Comentarios