O Atletismo Deza celebra hoxe 25 anos de historia e familia cunha gran gala no Auditorio de Lalín
O acto será no Salón Teatro, onde reunirá deportistas, familias, colaboradores e amigos do club nunha xornada de recoñecementos, actuacións, sorteos e sorpresas
Laura Moure/Lalín
O Club Escola de Atletismo Deza celebrará hoxe, venres 20 de novembro, a gala
conmemorativa do seu 25 aniversario, unha cita moi especial coa que o club quere
celebrar un cuarto de século de historia, deporte e, sobre todo, familia. O evento dará
comezo ás 19:30 horas no Salón Teatro do Auditorio de Lalín e converterase nunha
xornada de celebración e recoñecemento a todas aquelas persoas e entidades que
contribuíron a construír a traxectoria do club ao longo destes 25 anos.

Porque se algo define o Atletismo Deza é o sentimento de pertenza e de familia que se
foi creando arredor da entidade. Un club no que o atletismo é o punto de encontro,
pero no que tamén teñen un papel fundamental a amizade, a convivencia, o
compañeirismo e o apoio mutuo. Unha familia que medrou co paso dos anos e que
reúne diferentes xeracións de deportistas, familias, técnicos, colaboradores e
amizades.
Durante a gala entregaranse recoñecementos ás mellores marcas masculinas e femininas tanto en pista cuberta como ao aire libre, así como a todos os atletas que conseguiron chegar a campionatos de España, poñendo en valor o esforzo, a constancia e os resultados deportivos acadados.
PUBLICIDADE
A xornada contará tamén con dous recoñecementos especiais a persoas que destacaron polo seu apoio ao deporte. Entre eles lembrarán a Juan Pegatinas, unha figura moi vinculada ás carreiras populares da zona polo seu compromiso e colaboración, especialmente pola súa función abrindo as probas coa súa moto e acompañando os corredores.
O club quere ter tamén un agradecemento especial cos medios de comunicación locais, polo seu traballo de difusión e por contribuír a dar visibilidade á actividade deportiva do Atletismo Deza, así como cos patrocinadores, cuxo apoio resulta fundamental para poder desenvolver e manter todas as actividades que realiza a entidade.
A celebración contará ademais con diferentes propostas para facer da tarde unha auténtica festa. Haberá tres sorteos coa colaboración de Pírate de Viaje, Ana Agra Fotografía e A Principal, así como dúas actuacións a cargo de +QDanza. Todo iso
acompañado doutras sorpresas que se irán descubrindo ao longo da xornada.
Como broche final, os asistentes poderán compartir uns pinchos, nun momento
pensado para seguir celebrando, conversar e desfrutar xuntos deste aniversario nun
ambiente de convivencia e compañeirismo.
PUBLICIDADE
Desde o Atletismo Deza queren agradecer a todas as persoas, empresas e entidades que están facendo posible esta celebración, así como a todas as persoas que se achegarán para compartir unha data tan significativa para o club. A resposta está a ser moi positiva e a organización rolda xa os 300 inscritos, unha cifra que agarda superar de aquí á celebración da gala.
Vinte e cinco anos despois do seu nacemento, o Atletismo Deza quere celebrar moito
máis ca unha traxectoria deportiva. Quere celebrar as persoas, as amizades, as experiencias compartidas e todos os momentos que fixeron posible chegar ata aquí.
"Porque, por riba de marcas, medallas e competicións, o Atletismo Deza é unha familia.
E hoxe será o momento de celebralo todos xuntos", recalca o club.









Comentarios