Cati Somoza denuncia o "terrible estado das instalacións deportivas de Rodeiro"
Respalda as críticas do Cogal Rodeiro e lamenta que o alcalde "estea ausente e superado e non sexa quen de vixilar a correcta execución das obras”
Ecos da Comarca/Rodeiro
A voceira do grupo municipal do PP de Rodeiro, Cati Somoza, vén de denunciar o “terrible estado das instalacións deportivas municipais pola falta de mantemento e a “neglixente execución das obras que se acometen, como é o caso das deficiencias que impiden o uso normal do campo de fútbol da Raña -denunciadas esta mesma semana polo Cogal Rodeiro-, a aparición de novos problemas de filtracións e pingueiras no pavillón e as inacabadas pistas de pádel".

A concelleira popular indica que a situación na que se atopan as instalacións deportivas supoñen “unha emenda á totalidade da xestión de José Luis Camiñas no ámbito deportivo”, ao que ve “ausente e superado”, posto que ou ben esquece as tarefas de conservación da súa competencia para que os equipamentos estean nas condicións óptimas ou ben, cando a Deputación lle dá cartos, “acomete as obras de calquera maneira, sen control, nin planificación, nin vixilancia” e así “os resultados son inservibles e acaban prexudicando a usabilidade das instalación”.
Neste senso, a edil do PP comparte e respalda as críticas do Cogal Rodeiro, “que xa ten que estar farto dos problemas do campo de fútbol, levando ao límite de ter que pronunciarse publicamente por primeira vez”. “Ese pronunciamento do Cogal Rodeiro denunciando a situación dá boa mostra de que se atopan totalmente desatendidos polo alcalde”, engadiu Cati Somoza.
PUBLICIDADE
Ademais, remarca que, "por terceiro inverno consecutivo, reaparecen os graves problemas de filtracións e pingueiras no pavillón municipal, malia que hai exactamente tres anos se produciu un cambio de cuberta, moi mal executado polo goberno local, grazas a un investimento de 200.000 euros preparado polo anterior executivo do PP cunha achega de 140.000 euros da Xunta. O pavillón está en peor estado que antes desa obra, polo que eses cartos é como se forana o lixo. Chove dentro do pavillón coma nunca”, aseverou Somoza, que revela "que levan varios días tendo que suspenderse adestramentos e incluso onte mesmo un partido tivo que trasladarse ao Lalín Arena".
PUBLICIDADE
“É unha vergoña que os deportistas de Rodeiro teñan que ir xogar a Lalín porque o
goberno de Camiñas non sabe arranxar unha cuberta. Vivimos no reino das chapuzas, porque pouco importa que se invistan os cartos se as obras se fan mal”, manifesta Cati Somoza, antes de lembrar que "isto reproduce en moitas actuacións", lembrando a “terrible situación na que quedou a rúa dos colexios, cunha dilatación en forma de badén e con fendas na plataforma".
NOTICIA RELACIONADA:
Alberte Lamazares: "Os datos tamén xogan": https://www.ecosdacomarca.com/post/alberte-lamazares-os-datos-tam%C3%A9n-xogan









Comentarios