Teresa Varela cuestiona os orzamentos de Lalín para 2027 e alerta dunha posible subida de impostos
Ecos da Comarca/Lalín
A concelleira non adscrita de Lalín, Teresa Varela, cuestionou o orzamento municipal para 2027 presentado polo goberno local, ao considerar que reflicte "unha importante redución respecto ao exercicio anterior, un elevado gasto corrente e unha situación de endebedamento" que, ao seu xuízo, "condicionará os próximos anos". Varela criticou tamén os prazos nos que a oposición tivo acceso á documentación orzamentaria.
Segundo explicou, o goberno presentou as contas o venres 13, en plena crise da auga, pero a documentación non foi facilitada á oposición ata cinco días despois, dentro do prazo ordinario, o que considera insuficiente para analizar unhas contas desta dimensión con antelación.

O orzamento de 2027 ascende a 25.184.485 euros, fronte aos 34.917.410 euros do exercicio anterior. Isto supón unha baixada de 9.732.925 euros, unha redución que a concelleira cualifica de "drástica". Varela considera que as contas deste ano son "moito máis realistas" que as anteriores, que, segundo sostén, se presentaran como un orzamento "histórico, ambicioso e cuantioso", incorporando plans da Deputación, fondos europeos e un préstamo de máis de catro millóns de euros.
O gasto en persoal e os servizos municipais
A edil tamén puxo o foco na distribución do gasto. O capítulo I, destinado a salarios ecotizacións da Seguridade Social do persoal municipal, ascende a 9.037.537,21 euros, mentres que o capítulo II, correspondente aos gastos correntes en bens e servizos, suma 11.108.801 euros.
PUBLICIDADE
Neste último apartado inclúense, entre outros, os subministros eléctricos, o mantemento de vehículos, seguros, parques e xardíns, rúas e pistas, así como o servizo de axuda no fogar. "Levado a unha economía familiar, é o que se gasta para que todo funcione", sinalou Varela, que considera que estas cifras permiten que cada veciño "saque as súas propias conclusións".
Un endebedamento de máis de 13,5 millóns
Teresa Varela cuestionou tamén o anuncio do goberno de que non se contempla ningún novo préstamo bancario para o próximo exercicio. Aínda que considera que equilibrar os orzamentos mediante crédito non pode ser unha práctica permanente, advertiu de que, desde o regreso do Partido Popular ao goberno de Lalín, a totalidade dos préstamos asignados alcanza os 13.531.695,70 euros.
Segundo os datos que achega, o capital actualmente pendente de devolución ascende a 11.029.308,49 euros. Durante 2027 amortizaranse 774.728,23 euros e pagaranse 266.204,95 euros en xuros bancarios.
A concelleira lembra que o goberno que saia das urnas en 2026 terá que afrontar a devolución de máis de dez millóns de euros e cuestiona que se descarte a necesidade de novas operacións de crédito, tendo en conta que, segundo indica, o nivel de endebedamento ronda o 60%, próximo ao 75% que cita como límite permitido pola normativa.
Critica a venda dun solar e a achega ao comercio
Varela reprochou tamén que na presentación das contas non se destacase, segundo afirma, a venda dun solar municipal prevista para acometer investimentos o próximo ano.
En relación co apoio ao comercio local, cuestionou a achega de 60.000 euros á AED, na que se inclúen os bonos comercio, as campañas de dinamización e o servizo de seguridade do polígono Lalín 2000. Ao seu entender, esta partida dilúe o que o goberno presenta como unha importante aposta polo comercio local.
Alerta dunha posible subida de impostos e taxas
A concelleira non adscrita detívose especialmente no informe de Intervención que acompaña os orzamentos de 2027. O documento recomenda revisar periodicamente as ordenanzas fiscais e os restantes recursos de natureza corrente para avaliar a súa adecuación ás necesidades de financiamento municipal e preservar o equilibrio orzamentario e a sustentabilidade financeira.
PUBLICIDADE
Varela interpreta esta advertencia como un aviso de que os ingresos actuais poderían non ser suficientes para manter os servizos municipais básicos, como o alumeado, a recollida do lixo ou o mantemento das rúas, parques e xardíns. Na súa opinión, esta recomendación abre a porta a unha posible actualización das ordenanzas fiscais e, polo tanto, a un incremento da carga fiscal sobre a veciñanza.
A edil considera que o informe de Intervención anticipa a necesidade de revisar impostos e taxas para garantir o funcionamento do Concello e cuestiona que o goberno presente as contas como un exercicio de contención sen abordar, segundo sostén, as consecuencias que esta situación pode ter para os contribuíntes.









Comentarios