Avanzamos... pero queda un longo camiño
- ecosdacomarca
- 21 jun 2024
- 4 Min. de lectura
A Asociación Teta e Coliño de Lalín escribe un artigo de opinión para actualizar ás familias deste concello e da contorna sobre algunhas cuestións nas que está traballando
Asociación Teta e Coliño/Lalín
A AsociaciónTeta e Coliño de Lalín envíanos o seguinte artigo de opinión para actualizar ás familias de Lalín e a contorna sobre algunhas cuestións nas que están traballando desde o colectivo.
ARTIGO DE OPINIÓN
Avanzamos... pero queda un longo camiño
"Ola, familias socias e amigas de Teta e Coliño!
Escribimos este texto para actualizarvos dalgunhas novidades nestas últimas semanas en Lalín. Algunhas son boas e outras son cuestións nas que non quedará outra que seguir sumando forzas para ir logrando solucións a problemas que nos afectan a todas.

Comezamos pola boa nova: a partir de agora o noso espazo de xuntanzas habitual será a Ludoteca do edificio Multiusos Manuel Rivero! O 19 de xuño "estreámolo" e é moi axeitado para grandes e crianzas, porque é amplo e está adaptado para nós, as familias. Acordamos co Concello de Lalín que marcaremos un día "fixo" ao mes de xeito habitual para ter reservado o espazo. Como retomaremos actividade "forte" a partir de setembro e en vacacións escolares a Ludoteca está ocupada co Programa Concilia, no caso de xuntarnos en verán un día con mal tempo podemos ir a outras salas do edificio, previa reserva.
Agora, contámosvos un pouco máis polo miúdo como chegamos ata aquí.
• O pasado venres 14 de xuño mantivemos por fin unha xuntanza co Concello de Lalín, despois de solicitala en varias ocasións, non só para pedir o uso da Ludoteca, que tamén, senón por outras cuestións que nos parecía importante tratar. Tras acordalo en asemblea de socias, a principios de maio publicaramos en prensa un "último" intento solicitando xuntanza co goberno local e, ante o silencio absoluto a dita solicitude, informamos aos 3 partidos da oposición da situación. Temos que dicir que nos 3 casos recibimos resposta, incluso visita á nosa xuntanza mensual do BNG e CxL (e anteriormente tamén tiñamos recibido do BNG unha proposta de xuntanza para coñecer máis polo miúdo as nosas demandas). Despois destas conversas e encontros, desde CxL preguntouse en Pleno ao respecto... Posteriormente, desde CxL preguntouse en Pleno ao respecto. E posteriormente... Desde o goberno local por fin nos convocaron a unha xuntanza, que como dicimos foi o pasado venres 14 de xuño.
Publicidade
• Intuíndo que ía ser rápida, polo que nos dixeron cando nos avisaron vía whatsapp para dita xuntanza, e posto que os nosos motivos para unha xuntanza foron sumando "temas" ao longo de tantos meses, fixemos un escrito que levamos á xuntanza e que se queredes podemos enviarvos tamén se queredes velo con calma.
• Como pensabamos, desde o concello convocábannos para falar do uso da Ludoteca. Mais tiñamos outras reivindicacións que facer importantes; algunhas, como os arranxos e cuestións de mantemento nas Galiñas Azuis, especificamente no caso da do Polígono son urxentes e non poden agardar a agosto, que é cando nos están indicando que se fan sempre estes arranxos. Por exemplo, a cancela rota que dá directamente á estrada (entendemos que non ten xustificación agardar a agosto cando é unha cuestión de seguridade). Por tanto, seguimos pendentes disto, xunto con máis cousas que incluímos no escrito entregado.
Publicidade
• Tamén falamos na xuntanza co Concello da necesidade de apostar por políticas públicas que favorezan a crianza respectuosa. E puxemos como exemplo de accións concretas a desenvolver que xa funcionan noutros concellos o programa antes denominado "Preescolar na Casa" que a Asociación Antonio Gandoy está a desenvolver en Silleda e no que varias familias socias estamos participando. Desde o Concello de Lalín, posteriormente á nosa xuntanza, contactaron coa asociación e informáronnos de que van difundir en agosto un prazo de preinscrición para ver se hai familias interesadas de Lalín. Isto é unha boa nova, porque se trataría dunha actividade semanal onde as familias con crianzas de 0-6 anos poderiamos compartir tempo cunha profesional que xoga, canta, acompaña... Esta actividade soe ter un custe para as familias, maior ou menor en función da colaboración do concello. Estaremos atentas porque cremos que é importante que no seu caso o Concello de Lalín se implique para que as familias con menos recursos poidan participar tamén se así o desexan.
• Tamén falamos na xuntanza co Concello de Lalín da penosa situación da sanidade pública na nosa contorna, especificamente no servizo de pediatría. Como sabemos todas, é urxente solucionar isto. Desde o Concello aluden a que non teñen competencias para facer máis. Nós cremos que, igual que como cidadás podemos e debemos demandar melloras, tamén desde o Concello teñen obriga de presionar e denunciar, posto que son representantes da cidadanía.
Publicidade
Por último, para ir rematando, contámosvos que estamos moi contentas porque pouco a pouco o grupo de familias de Teta e Coliño que nos reunimos en Lalín está crecendo e imos facendo "piña". Animámosvos a participar nas xuntanzas mensuais e nas actividades que de cando en vez organizamos. Son todas gratuítas e en xeral abertas a calquera familia, sexa socia ou non da asociación, aínda que cando hai aforo limitado priorizamos o acceso a socias. Se queredes máis información para facervos socias (e das vantaxes que ofrece selo) escribídenos a este correo (tetaecolinholalin@gmail.com). Ser máis socias en Teta e Coliño, ademais, daranos máis representatividade para continuar demandando melloras para todas as familias de Lalín e arredores.
Nada máis por hoxe, grazas por ler ata aquí! Unha aperta e bo final de curso :)".
*Asociación Teta e Coliño.
Comments