top of page

Altri solicita a concesión dunha captación de auga do río Ulla no termo municipal de Agolada

A empresa demanda a captación de augas superficiais, cun caudal máximo de 535 litros/segundo, do encoro de Portodemouros con destino a uso industrial, para a fábrica de fibras téxtiles que prevé implantar en Palas de Rei


Laura Moure/Agolada/Palas de Rei

A Xunta abre o trámite de competencia de proxectos ante a solicitude recibida da empresa Altri Participaciones y Trading, S.L. para a concesión dunha captación de auga do río Ulla, no termo municipal de Agolada. A empresa solicita a captación de augas superficiais, cun caudal máximo de 535 litros/segundo, do encoro de Portodemouros con destino a uso industrial, para a fábrica de fibras téxtiles que prevé implantar no concello veciño de Palas de Rei.

Unha vez recibida a solicitude de concesión de caudal por parte da empresa, Augas de Galicia, seguindo o procedemento establecido na lexislación, abriu hoxe o trámite de competencia de proxectos para que outras entidades interesadas poidan formular propostas de aproveitamento alternativas. O inicio deste trámite publícase hoxe no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e prolongarase por espazo dun mes. O anuncio tamén sairá publicado nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Unha vez transcorrido ese prazo, conforme o procedemento, deberán avaliarse os proxectos presentados, empezando por desbotar calquera iniciativa que contraveña o establecido no Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa.

Os proxectos compatibles co Plan Hidrolóxico serán sometidos ao correspondente procedemento de avaliación ambiental e ao preceptivo proceso de información pública, ademais de recabar os informes dos organismos e concellos afectados.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

O resultado dese proceso será determinante para a aceptación ou denegación da solicitude que, no caso de concederse, levará acompañada un conxunto de condicións cuxo cumprimento o titular deberá comprometese a asumir.

Con este procedemento de trámite de competencia de proxectos, Augas de Galicia garante a transparencia e o estrito cumprimento da normativa en materia de augas: co rexeitamento directo de calquera proxecto que vulnere o Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa e a garantía de participación dos axentes interesados, incluíndo un proceso de información pública.


NOTICIAS RELACIONADAS:

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page