Alba Forno esixe explicacións polos cortes de auga en Lalín e lamenta que as medidas cheguen tarde
- ecosdacomarca

- hace 1 día
- 3 min de lectura
A concelleira solicitou unha reunión de voceiros urxente para coñecer de primeira man cal é a situación
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín esixe ao goberno que asuma responsabilidades polos cortes de auga. Ante o último corte que afecta a boa parte do casco urbano desde o martes, 18 de agosto, ás 22 horas, a voceira socialista, Alba Forno, considera "inaceptable que a veciñanza pase horas sen un servizo básico e que o Concello non explique con claridade que está acontecendo".

Ante isto, a concelleira solicitou de maneira urxente unha xunta de voceiros para coñecer de primeira man cal é a situación e agarda que o Goberno estea disposto para poñer en común unha solución de xeito inmediato que sirva a longo prazo. “Son moitas as chamadas e mensaxes que recibimos ao longo do día e precisamos saber que acontece de primeira man para dar unha resposta efectiva á nosa veciñanza”.
A socialista lembra que ata as 13 horas deste mércores o Concello non ofreceu ningunha explicación a través de ningún medio sobre a situación, malia que os problemas de subministración comezaron o martes pola tarde-noite. "Non é razoable que unha veciña abra a billa, non teña auga e durante horas non saiba que está pasando nin canto pode durar a situación. A información á cidadanía tamén forma parte da xestión dun servizo esencial", sinala.
PUBLICIDADE
Forno considera que o Plan de Emerxencia do Servizo de Abastecemento chega moi tarde e “non debería ser deixar á veciñanza sen un servizo básico”. Critica que "se chegue a esta situación sen que previamente se adoptase ningunha medida preventiva". Considera especialmente preocupante que o goberno municipal xustifique agora a situación exclusivamente nun pico de consumo provocado polas altas temperaturas. "Sabemos que estamos ante un verán especialmente seco, sabemos que as temperaturas son elevadas e sabemos que os problemas de abastecemento non son novos, e van ir a peor. O que non entendemos é por que non se tomou ningunha medida antes de chegar ao límite", afirma.
PUBLICIDADE
A concelleira socialista cuestiona que agora se adopten medidas "radicais e de emerxencia", como a redución da presión, a suspensión de determinados consumos ou o reparto de auga embotellada. "Se o problema era previsible, por que non se fixo antes ningún labor de concienciación, non se estableceron restricións ou non se preparou á rede para afrontar o verán? Non podemos pasar de non facer nada a activar un plan de emerxencia cando a veciñanza xa está sen auga", denuncia.
Un problema que require planificación
O PSdeG-PSOE lembra que leva anos reclamando unha mellor planificación do abastecemento, incluíndo a redución das perdas da rede, a súa monitorización e dixitalización, así como a recuperación das traídas veciñais e dos mananciais que
poidan constituír recursos complementarios.
"Non podemos acordarnos da auga cando empeza a faltar. O cambio climático fai que estes episodios sexan cada vez menos excepcionais e o Concello ten que anticiparse", afirma Forno. A socialista considera ademais necesario esclarecer o sucedido e determinar se existen responsabilidades por parte da empresa concesionaria, tal e como anunciou o propio Concello, pero advirte de que " a investigación non pode servir para que o goberno municipal se desentenda da súa responsabilidade. A auga é un servizo municipal. Se falla a concesionaria, o Concello ten que garantir o servizo, supervisar o seu funcionamento e dar explicacións á veciñanza", sinala.
PUBLICIDADE
Forno lembra finalmente “o que está acontecendo demostra que Lalín necesita unha política da auga baseada na previsión e non na improvisación. A veciñanza non pode ser quen pague as consecuencias de chegar sempre tarde", conclúe.
NOTICIA RELACIONADA:
Lalín activa un plan de emerxencia de abastecemento de agua debido á reducción crítica dos depósitos: https://www.ecosdacomarca.com/post/lal%C3%ADn-activa-un-plan-de-emerxencia-de-abastecemento-de-agua-debido-%C3%A1-reducci%C3%B3n-cr%C3%ADtica-dos-dep%C3%B3sitos









Comentarios