Os convocantes lémbranlle que "“arrodeamos San Caetano” porque nunca nos recibiu ninguén da Xunta nin nos explicou a súa “estratexia”"
Ecos da Comarca/A Ulloa
A Plataforma Ulloa Viva considera “a enésima falta de respecto de Rueda” as declaracións do presidente da Xunta “tentando voltar a politizar unha protesta que é dos veciños e das veciñas” contra a instalación dunha macrocelulosa de Altri no corazón de Galicia. Ulloa Viva vese na obriga de ter que lembrarlle “por terceira vez” en pouco máis dun mes ao presidente da Xunta de Galicia “que os que estamos enfronte do seu proxecto estratéxico e nos negamos a que o instalen no noso territorio somos veciños e veciñas, “pedimoslle ao presidente de todos os galegos e galegas que exerza como tal, que abandone as dinámicas electorais permanentes facendo esforzos inútiles por encaixar un movemento cidadán cun obxectivo claro cristalino debaixo das siglas que a él lle ven en gana para poder así, excusarse e eludir as súas responsabilidades” e xa que nunca se dirixiu a nós nin respostou a ningunha das nosas peticións” a concentración simbólica do domingo pedía simplemente iso “que o goberno galego escoite aos galegos e galegas, aos
30.000 que o domingo lle pedimos en San Caetano que paralice o proxecto”.
A Plataforma Ulloa Viva considera que “xa abonda por parte do presidente da Xunta tentar
politizar un problema que xenerou el mesmo e o seu goberno, e lémbralle que nos últimos
meses os veciños e veciñas xa lle dixemos con 23.000 alegacións, máis de 20.000 persoas
nas rúas de Palas de Rei o pasado 26 de maio e 30.000 este pasado domingo en San
Caetano “que non queremos nin precisamos unha industria contaminante que poña en
perigo o noso modo de vida, o noso benestar e a nosa saúde e a dos nosos fillos e fillas”.
Diante dos enredos constantes que o presidente da Xunta está a sufrir coas reivindicacións
da Plataforma, Ulloa Viva considera que “o que ten que facer o presidente da Xunta é
contestar algunha das nosas peticións dos últimos dous anos e mantermos un encontro no
que estaremos encantados de explicarlle e darlle toda a información e documentación
asinada por técnicos, expertos e científicos que acredita todos os riscos que o proxecto de
Altri vai traer ao noso territorio”.
Publicidade
"Dende a Plataforma Ulloa Viva reiteramos en diversas ocasións que somos veciños e
veciñas afectados pola macrocelulosa que Altri quere instalar, co beneplácito da Xunta de Galicia, en Palas de Rei, nesta loita colectiva que cada día gaña máis adeptos, hai xente
con todo tipo de ideoloxías e afiliacións, e temos todos e todas coma obxectivo común o
rexeitamento a que unha industria contaminante acabe co noso medio ambiente, o noso
tecido socioeconómico, a nosa calidade de vida e o futuro dos nosos fillos e fillas".
“Cando o señor Rueda entenda que nós somos galegos e galegas que piden que o seu goberno os escoite, ao mellor deixa de atacarnos e de defender a unha multinacional estranxeira no canto de falar con nós, ten que entender que non somos o inimigo polo simple feito de non estar dacordo con él nunha decisión a todas luces errada. Do que debería preocuparse o señor Rueda logo de ver diante do seu despacho a 30.000
cidadáns o pasado domingo é de mudar de actitude e abandonar a parcialidade que a
Xunta de Galicia está a ter neste tema. Deixar de poñerse sistematicamente do lado dunha
multinacional estranxeira e poñerse dunha vez por todas do lado dos galegos e das
galegas”. Ulloa Viva demanda de Rueda “alomenos o mesmo trato que o PP está a ter coa
veciñanza da contorna rural da cidade de Lugo fronte ao proxecto da planta de biometano
en Coeses. Neste caso mesmo o PP lucense presentou alegacións e pídelle á Xunta que
informe negativamente".
Augas de Galicia
Dende a Plataforma Ulloa Viva son tamén conscientes de que Augas de Galicia está a piques de resolver a captación de 46 millóns de litros de auga diarios do encoro de Portodemouros. "Isto significaría unha nova modificación física sobre a masa de auga o
que, xunto co verquido de até 30 millóns de litros de auga a 27 graos e cargado de contaminantes orgánicos, crearía un deterioro maior e irreversible do encoro. Segundo os
propios obxectivos medioambientais de Augas de Galiza, Portodemouros debería estar en
potencial bó estado no ano 2027, logo de concedérselle xa dúas prórrogas polos seus
incumprimentos segundo as obrigas da Directiva Marco de Augas da Unión Europea (DMA)".
Publicidade
O periodo de alegacións desta tramitación rematou o pasado mes de febreiro e a Plataforma Ulloa Viva agarda, como non pode ser doutro xeito, que os técnicos de Augas de Galicia que avaliaron esta petición se neguen á mesma posto que incumpriría determinadas obrigas que impón a DMA, entre elas, a obriga da avaliación dun xeito pormenorizado no Plan Hidrolóxico da Bacía de Augas de Galiza, segundo recoñeceu o mes pasado o comisario de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevičius.
Con estes precedentes legais, a Plataforma Ulloa Viva agarda que os informes técnicos e
as sinaturas dos funcionarios e altos cargos de Augas de Galicia teñan en conta "a ilegalidade que suporía a concesión de auga que Altri demanda no seu proxecto para a
macrocelulosa de Palas de Rei".
Comments