A Garda Civil localiza o corpo sen vida do home desaparecido na auga en Taboada
- ecosdacomarca
- 3 jul 2024
- 2 Min. de lectura
Segue a busca do pescador que caeu ao encoro de Belesar no Páramo
Ecos da Comarca/Xeral
Os axentes da Garda Civil localizan o corpo sen vida do home desaparecido na auga en Ponte Mourelle, Taboada, tal e como informa o 112 Galicia. O grupo especializado en actividades subacuáticas da Garda Civil atopa o corpo sen vida do home desaparecido no río, en Ponte Mourelle, Taboada.

Deste xeito, finaliza o operativo iniciado onte, cando se soubo da desaparición dun home de preto de 60 anos, que se botou a nadar no río contra as sete da tarde. Durante as últimas horas da pasada xornada, e desde primeira hora desta mañá, distintas patrullas da Garda Civil e tamén axentes dos corpos especializados na inmersión (GEAS) traballaron para dar co paradoiro do home. Finalmente, foi localizado sen vida preto de onde se botou a nadar, no pantalán do Club Náutico de Ponte Mourelle.
Publicidade
Drons da AXEGA na busca do Páramo
Esta nova información sobre o suceso fixo cambiar o rumbo dos técnicos da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), que se dirixían a Taboada para colaborar coa Garda Civil na procura do home. Así, estaba prevista a intervención dos drons, que agora irán a outra incidencia aberta no Páramo por un mozo pescador, que, ao tratar de recuperar a súa cana, caeu á auga sen que houbese máis noticias súas. Igualmente, neste caso traballan os equipos da Garda Civil por auga e tamén por aire.
Publicidade
Tamén, nas últimas horas, desde o 112 Galicia, xestionouse a intervención do grupo de atención psicolóxica, GIPCE, do Colexio de Psicólogos de Galicia, para ofrecer a axuda especializada á familia do desaparecido.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Buscan a un pescador que caeu no encoro de Belesar cando trataba de recuperar a súa cana: https://www.ecosdacomarca.com/post/buscan-a-un-pescador-que-caeu-no-encoro-de-belesar-cando-trataba-de-recuperar-a-s%C3%BAa-cana
Buscan a un home que saltou á auga dende un pantalán en Taboada: https://www.ecosdacomarca.com/post/buscan-a-un-home-que-saltou-%C3%A1-auga-dende-un-pantal%C3%A1n-en-taboada
Comments