A Deputación de Pontevedra responde pola tala de árbores en Agolada e Dozón
- ecosdacomarca

- 17 abr 2025
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Deza
Esta semana veciñanza de Agolada mostrou o seu descontento pola tala de árbores na estrada EP-6403 ao seu paso polas parroquias de Brocos, A Baíña e Berredo, no concello de Agolada, algo que denunciou tamén o BNG deste municipio. No pasado mes de marzo, fora o Bloque de Dozón o que tamén criticou a actuación do ente provincial nun vial deste concello. Pola súa banda, a Deputación afirma que si avisaron disto á veciñanza e quen o desexe pode levar a madeira se así a piden.
Publicidade
Ecos da Comarca puxémonos o luns en contacto coa Deputación de Pontevedra e isto foi o que nos contestou onte:
"No que respecta ás podas que se están levando a cabo en Agolada, trátase fundamentalmente da tala de árbores que se atopan en dominio público viario, xa que están dentro da explanación da estrada definida polas aristas exteriores de dita explanación que están situadas a ambos lados da calzada. (No caso de Dozón era a poda de ramas que sobrevoaban o dominio público). Malia iso, non poñemos ningún inconveniente en que os vecinos ou veciñas das fincas colindantes leven a madeira se nola piden", sinala a Deputación.
Publicidade

"No relativo ao aviso, hai uns 9 ou 10 meses procedeuse a marcar as árbores que se ían talar, avisando de que, nun prazo duns tres meses (que ao final foi máis) se procedería á súa tala, deixando ademais en zonas con casa o teléfono do capataz para que puidesen chamar os veciños ante calquera dúbida", engade.
NOTICIAS RELACIONADAS:
O BNG denuncia que a Deputación corta árbores nas marxes da EP-6403 por Brocos, A Baíña e Berredo: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-denuncia-que-a-deputaci%C3%B3n-corta-%C3%A1rbores-nas-marxes-da-ep-6403-por-brocos-a-ba%C3%AD%C3%B1a-e-berredo
O BNG pide explicacións na Deputación pola corta de árbores na estrada entre Castro e Rocha en Dozón: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-pide-explicaci%C3%B3ns-na-deputaci%C3%B3n-pola-corta-de-%C3%A1rbores-na-estrada-entre-castro-e-rocha-en-doz%C3%B3n








Comentarios