top of page

O BNG pide explicacións na Deputación pola corta de árbores na estrada entre Castro e Rocha en Dozón

Advirte ao goberno de Luís López de que as tallas "se realizaron sen coñecemento das persoas propietarias, excedendo ademais os límites das franxas de seguridade"


Ecos da Comarca/Dozón

O BNG presentou na Deputación unha petición de explicacións ao goberno de Luís López pola polémica corta de árbores nas marxes da estrada provincial EP-6104 entre Castro e Rocha en Dozón. O grupo provincial nacionalista fíxose eco así do malestar das persoas propietarias dos terreos nos que fixeron as tallas, "que non foron avisadas para que cortaran voluntariamente a biomasa das súas leiras nas faixas da vía nin tampouco informadas de que se ía facer de maneira subsidiaria".


O Bloque considera que o proceder nestas segas de madeira non foi o correcto, polo que instou ao goberno provincial a aclarar quen foi a persoa que ordenou as cortas e a que motivo obedeceu esa orde, xa que as campañas de xestión da biomasa que supostamente motivaron a actuación dan de prazo ata finais do mes de maio para ter as faixas correctamente saneadas co fin de evitar a propagación de incendios.


Apunta o BNG que a Lei de Prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia é clara ao respecto de cales son os pasos a seguir. A normativa establece que as persoas propietarias de terreos próximas a estradas públicas deben xestionar o saneo da súa biomasa no ámbito das faixas de xestión para manter un control da carga de combustible desas zonas e impedir o risco de incendios durante todo o ano.

Co obxecto de preparar estas campañas, recoñece o Bloque, cada ano as administracións

competentes –no caso da EP-6104 a Deputación provincial- deben intensificar o control para que se produzan as cortas necesarias nas faixas por parte das persoas titulares antes do mes de maio, actuando con preferencia en zonas de maior risco de lumes. Explica a agrupación nacionalista que, ademais, é obriga da Deputación remitir ás persoas titulares dos terreos unha comunicación para lembrar a súa obriga legal de facer a limpeza e retirar as especies arbóreas, dándolle un prazo de entre 15 días e tres meses para executar os traballos, advertindo de que en caso de incumprimento, poderanse impoñer multas.


Así mesmo, o BNG subliña que no caso de que nos prazos establecidos non se realizaran as cortas por parte das persoas particulares as administracións públicas, consonte ás súas competencias, poden proceder á execución subsidiaria repercutindo os custos ás responsables.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A pesares de todas estas cuestións claramente establecidas na normativa, indica o Bloque, neste mes de marzo, "cando aínda faltaban dous meses para finalizar a data límite da campaña de prevención, leváronse a cabo supostamente dende a Deputación cortas en varios puntos da provincia que, ao parecer, obedecen á xestión das faixas para evitar incendios, pero sen teren as propiedades dos terreos nin coñecemento das cortas ningún tipo de aviso previo por parte de administración ningunha, e excedendo nalgún caso os límites das franxas de seguridade”.


Por todo isto, a agrupación nacionalista, recollendo o malestar das persoas afectadas –por iniciativa do grupo municipal do BNG en Dozón-, preguntou á deputada responsable provincial de Infraestruturas e Vías Provinciais Belén Cachafeiro e ao presidente Luís López se a Deputación é coñecedora das cortas e se sabe a que obedecen, ademais de pedir aclaracións sobre quen as ordenou. Tamén se preguntaron os motivos polos que a madeira resultante estaba a ser retirada, supostamente, por persoal a cargo da Deputación en lugar de deixarlla ás persoas propietarias.


A pregunta, que inicialmente se ía formular oralmente na sesión do Pleno da Corporación,

finalmente tivo que presentarse por escrito dada a imposibilidade de facelo ‘in voce’ pola ‘tangana que se produciu ao tratar as mocións fóra do orde do día sobre a polémica de Balaídos como sede do Mundial de Fútbol". O BNG decidiu abandonar o Pleno en sinal de protesta ante o abuso de poder do goberno de López, quen quixo impoñer o debate da proposta do PP en primeiro lugar a pesares de que había outra anterior sobre o mesmo tema.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page