Veciñanza de Brocos, en Agolada, "indignada polo desprezo da Consellería do Medio Rural"
- ecosdacomarca

- hace 9 minutos
- 2 Min. de lectura
Salientan que "nin existe a comunidade de montes de Brocos nin houbo incendios este verán na nosa parroquia”
Ecos da Comarca/Agolada
A visita deste mércores da conselleira do Medio Rural, María Xosé Gómez, provocou “indignación e esperpento” entre a veciñanza da parroquia agoladesa "que ela di chamarse Brocos". As veciñas e veciños consideran “un desprezo e descoñecemento absoluto do territorio” o acontecido durante unha visita á parroquia convocada publicamente pola Consellería do Medio Rural á “comunidade de montes de Brocos”. Aclara a veciñanza “diante do descoñecemento que ao parecer ten a conselleira da nosa
zona, que en Brocos non hai comunidade de montes”. Pola contra, sinalan que “si
hai propietarios de montes e de parcelas que temos solicitada a concentración parcelaria e fomos excluídos pola Consellería dese proceso e seguimos agardando explicacións e solucións”.
Publicidade
A “indignación” da veciñanza foi máis aló cando nun monte da parroquia de Sesto e non Brocos a conselleira “insistiu en demostrarnos que non nos coñece, asegurando que estaba na parroquia do Sexo e falando dos cortalumes que a Xunta está a abrir nunha zona afectada polos incendios de este verán, cando a nosa parroquia non
ardeu, e iso debería sabelo a conselleira, houbo lumes nas parroquias aqualatenses do Sexo, en Baíña e en Berredo, pero nin Brocos nin Sesto padeceron incendio algún o pasado mes de agosto, por sorte. Ela estaba a máis de 5 km das parroquias que arderon”.
Veciñas e veciños de Sesto e Brocos esixen á conselleira “que volva ás nosas parroquias, convoque á veciñanza, pida desculpas por ignorarnos e dea solución ás concentracións parcelarias que temos solicitado con sinaturas o 100% das veciñas e veciños”. A veciñanza tamén está ofendida porque a conselleira visitou Sesto e Brocos acompañada polo director xeral de Defensa do Monte “que tampouco sabía ao parecer onde estaba, e a directora-xerente do Seaga, a empresa encargada das obras no monte do país “pero que tampouco miran e ubican as nosas parroquias no mapa”.
Para a veciñanza resulta “inexplicable” que na mesma visita estivera presente a voceira do PP de Agolada, que foi candidata á alcaldía polo PP nas pasadas eleccións de maio de 2023 “e tampouco fora quen de sacar aos altos cargos da Xunta do seu erro, nin sequera tampouco de falarlles das parcelarias solicitadas en Brocos e Sesto ou indicarlle que onde estaban non ardeu nada”.
Publicidade

Así mesmo piden á conselleira a limpeza dos camiños forestais "que levan intransitables máis de 5 anos e sen nengunha actuación ao respecto por parte do servizo de prevención de incendios da Xunta de Galiza. Pedimos á conselleira que actúen preventivamente contra dos incendios e non veñan poñer o parche facéndose a foto cando xa ardeu o monte".
NOTICIA RELACIONADA:
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou Agolada con motivo dos lumes forestais: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-conselleira-do-medio-rural-visitou-a-comunidade-de-montes-de-brocos-en-agolada-con-motivo-dos-lume








Comentarios