top of page

Veciños de Agolada denuncian que o Concello “ten secuestrada” a información de Augas de Galicia sobre Altri

Ecos da Comarca/Agolada

Veciños de distintas parroquias de Agolada denuncian que, logo de acudir nos últimos meses ao Concello en varias ocasións, non puideron consultar o proxecto de Altri remitido por Augas de Galicia ao consistorio dentro do proceso de información pública, xa que o persoal municipal “nos di sempre que a documentación a ten o secretario do Concello e que non está”. Dende o pasado 19 de decembro de 2023 en que Augas de Galicia remitiu aos concellos afectados este proxecto, foron varios os veciños de Brocos, O Sexo ou A Baíña os que acudiron ao Concello en distintas ocasións e non conseguiron ver o proxecto “porque o concello o ten secuestrado non sabemos con que interese”.

Este venres outro veciño chamou preguntando pola documentación e “comprobamos que

a resposta segue a ser a mesma, que a ten o secretario e que non está”. Legalmente o

Concello está obrigado neste proceso de exposición pública a ter a documentación a dispor de todos os veciños e veciñas que queiran consultala sen autorización previa nin expresa e calquera funcionario está obrigado a facilitar esa información e mesmo a dispor de formularios para que os afectados podan presentar alegacións si o estiman.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información!

En Agolada son 218 as fincas afectadas por este proxecto da canalización de auga que Altri quere sacar do encoro de Portodemouros ata a planta que proxecta construír en Palas de Rei. Unha parte destas fincas poderían ser expropiadas e noutros casos terían enriba unha servidume de ata 10 metros. “Todas estas fincas teñen propietarios, pero non podemos presentar alegacións porque o Concello de Agolada nos está ocultando a información do proxecto”.


O prazo de presentación destas alegacións remata o vindeiro 28 de febreiro, "e o Concello

de Agolada coa súa actitude obstrucionista está a impedir que os veciños e veciñas

exerzamos os nosos dereitos”. O caso é mesmo máis grave, xa que afirman que "algúns veciños das parroquias afectadas recibiron varias visitas do alcalde, Luís Calvo, nos últimos días para dicirlles que o Concello non ten información algunha ao respecto e que non temos nada que facer, que nos van a expropiar xa as fincas”.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.

"Son moitos os veciños afectados por este proceder “caciquil” do alcalde e o seu equipo de goberno", por iso onte presentaron por escrito unha denuncia diante de Augas de

Galicia e puxeron o asunto en coñecemento deste organismo para que teña en conta “a

necesidade de ampliar o prazo de exposición pública para garantir os dereitos dos veciños e veciñas que non puideron acceder á información que nos garante a lei”.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Ademais os afectados presentaron este venres por rexistro no Concello de Agolada unha queixa diante das reiteradas desculpas do Concello para non ofrecer aos veciños e veciñas unha información que teñen a obriga legal de facilitar. "No consistorio un veciño pediu por terceira vez a documentación, ningún dos traballadores soubo dicirlle onde está o proxecto e xa que logo presentamos un escrito pedindo un certificado ao secretario do

Concello acreditando que non hai exposición pública desta documentación, co cal o

Concello está a incumprir a legalidade vixente anulando os dereitos dos veciños e veciñas".



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page