Serán 11 os tramos aos que se teñan que enfrontar os pilotos nun dos rallies con máis historia da comunidade
Laura Moure/Deza
A 27ª edición do Rali do Cocido servirá para dar o pistoletazo de saída á Copa de España de Rallyes de Asfalto, tamén coñecida como CERA-Recalvi. Os días 21 e 22 de abril as localidades de Lalín, Silleda e Cruces gozarán coa presenza da CERA - Recalvi.
Entre todas as localidades conforman un itinerario de 106,52 quilómetros contra o crono, que sumados aos de enlace, fan que o percorrido total do rally sexa de 357,20 quilómetros. Serán 11 os tramos aos que se teñan que enfrontar os pilotos nesta edición dun dos rallies con máis historia da comunidade.
O itinerario arrincará o venres coa disputa do primeiro cronometrado (nos arredores de Lalín) de 1,5 quilómetros seguido da cerimonia de saída que se disputará na “Praza de Galicia”.
O sábado dispútase a xornada máis intensa cun itinerario que agrupa 10 tramos en catro bucles diferentes. Silleda-Disiclin e O Couto-Kia Rias Motor conformarán o primeiro deles, que se repetirá tras o primeiro período de asistencia co suplemento do tramo de Saborida-GSI. Despois da asistencia de mediodía volverá facerse o tramo de Saborida-GSI e dispoñeranse a realizar as primeiras pasadas a Vila de Cruces-Staroil e Carballeda-Grupo Montefaro. A xornada acabará coa cerimonia de entrega de trofeos ás 21:15 horas.
Esta edición do Rali do Cocido non só contará cun percorrido espectacular, senón que tamén gozará cunha impresionante lista de rexistrados cun total de 73 vehículos. A lista está encabezada polo Alpine A110 de Jorge Cagiao e con nomes tan relevantes como os de Óscar Palacio, Alvaro Muñiz, Alberto Otero, Albert Orriols ou Felix Macías.
Presentación na Deputación
Cabe mencionar que onte, mércores, o deputado provincial Manuel González presentou a proba acompañado do presidente e o vogal da Escudaría Lalín-Deza, Mateo Varela e David Cerdeira, e outras integrantes da escudaría. O deputado Manuel González lembrou que “esta proba permite gozar do deporte, da natureza e da gastronomía” e salientou “o gran labor que realizou a Escudaría Lalín-Deza durante todo o ano para a promoción do deporte e da provincia de Pontevedra”, así como a “gran repercusión” que acada esta proba. Por estes motivos, “a Deputación de Pontevedra sempre estará ao voso carón”.
O presidente da Escudaría, Mateo Varela, puxo en valor que a Deputación “é unha das maiores benfeitoras desta proba” e destacou novidades como a creación da “Copa Clio Trophy Galicia” ou o “Trofeo Galicia Historic” para coches antigos, cunha grande aceptación e 40 persoas inscritas. Ademais, a partir de agora poderán competir persoas tanto con licenza española como con licenza galega para que “ninguén perda de competir por ter unha licenza ou outra”.
Pola súa banda, o vogal David Cerdeira informou dos cambios que se realizarán nalgúns dos 10 tramos e da recuperación do treito espectáculo no casco urbano de Lalín, e tamén salientou os aproximadamente 360 quilómetros que conforman o Rali do Cocido, dos que 106 serán cronometrados.
NOTICIA RELACIONADA:
Presentación coa presenza da Xunta, lista de inscritos e acceso á web do rali: https://www.ecosdacomarca.com/post/lete-reivindica-en-lal%C3%ADn-o-peso-do-automobilismo-galego-no-calendario-nacional-con-10-probas
コメント