Ulloa Viva recorre diante do TSXG o arquivo da Xunta do proxecto de Altri
A Plataforma defende que o arquivo “é unha estratexia da Xunta para deixar a macrocelulosa en standby”
Ecos da Comarca/A Ulloa
A Plataforma Ulloa Viva vén de comezar a súa anunciada batalla xudicial contra o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. Rematado a mediados deste mes de outubro o prazo de presentación de recursos contra a resolución do 10 de xullo de 2026 da Xunta de
Galicia sobre o arquivo do Proxecto Gama, Ulloa Viva anunciou xa a presentación dun recurso contencioso-administrativo contra esta decisión da Xunta diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), que o alto tribunal galego admitiu a trámite o pasado 30 de setembro.

“Advertímoslle por tódalas vías á Xunta de Galicia que o arquivo non nos sirve, que queremos a denegación do proxecto”, explican desde a Plataforma. "Roldas de
prensa, a manifestación multitudinaria na Illa de Arousa, a recollida e entrega de
máis de 7.000 sinaturas exixindo enterrar o proxecto...”. Desde que a conselleira de
Economía e Industria anunciara o pasado mes de febreiro por primeira vez a
intención da Xunta de arquivar por falta de conexión eléctrica o proxecto de Altri,
“temos levado a cabo todas estas accións para exixir que o goberno galego
atendera ás demandas das veciñas e veciños e enterrara e desterrara a ameaza da
macrocelulosa en Palas de Rei das nosas vidas”.
A Plataforma Ulloa Viva considera que o arquivo que pretende a Xunta do Proxecto Gama “é unha estratexia para deixar a macrocelulosa en standby”. Todos os expertos dos grupos de traballo de Ulloa Viva coincidiron neste tempo en sinalar que “meter o proxecto nun caixón e deixar aberta a súa reactivación non é asumible para a loita”. As veciñas e veciños afectados advertiron neste tempo que “o arquivo non remata coa nosa preocupación nin co sufrimento que esta loita ten provocado a miles de persoas”, alén de considerar a falta de conexión eléctrica do proxecto “como unha excusa da Xunta para non entrar no fondo e non recoñecer que o proxecto é malo para o territorio, malo para as persoas, malo para o río Ulla e a ría de Arousa e incompatible co noso futuro e o das nosas fillas”.
PUBLICIDADE
E insiste en que "logo de catro anos de loita, de informes de expertos e de datos contrastados dos danos que a macrocelulosa suporía para o corazón de Galicia non imos consentir que a Xunta nos ventile cun arquivo que non é garantía de nada e menos de futuro para nós”. A Plataforma ten claro que esta loita “rematará só cando remate a ameaza de Altri e a Xunta”, e para iso a única vía posible é “a denegación do proxecto, da petición de captación de auga do encoro de Portodemouros, da Autorización Ambiental Integrada pendente na tramitación e da declaración do proxecto de Altri como Proxecto Industrial Estratéxico”.
Mentres iso non aconteza, recalca, “seguiremos loitando por todas as vías nas nosas mans e chegaremos onde faga falta para facer valer as nosas demandas”. A vía xudicial que agora comeza é “unha fase importante na nosa loita, para a que levamos meses preparándonos e que imos afrontar como fixemos todo neste tempo, con valentía, con argumentos, con informes técnicos e coa coraxe de todo un pobo que non dubidou en saír masivamente ás rúas para berrar Altri Non todos estes anos”.
Preparados para a vía xudicial
Desde xeito a Plataforma Ulloa Viva cumpre co que dixo sempre “loitaremos até o final e onde faga falta para que non se instale a macrocelulosa”. A vía xudicial foi desde o comezo unha das fases da loita que a Plataforma tiña claras. Para afrontar os custes que teñen este tipo de procesos a Plataforma Ulloa Viva fixo un crowfounding a través da plataforma Goteo que tivo como resultado a recadación de máis de 80.000 euros para financiar a estratexia xurídica, administrativa e pericial contra Altri. Case 1.500 persoas apoiaron con cartos a causa da Plataforma, “e é grazas a eles que estamos preparados para afrontar agora o proceso xudicial contra a macrocelulosa”.
PUBLICIDADE
Ademais do equipo de avogados que levan meses traballando a vía xudicial contra Altri e a Xunta de Galicia, Ulloa Viva afrontará o proceso xudicial contando con informes de expertos do CISPAC da Universidade de Santiago (USC).
A Plataforma Ulloa Viva está preparada para o comezo desta fase xudicial, para defender no seu momento procesual o recurso contencioso administrativo contra o arquivo do proxecto diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), e “estamos convencidos que cos datos, o traballo dos nosos avogados e a forza de toda Galiza contra a macrocelulosa, conseguiremos enterrar Altri definitivamente”.









Comentarios