top of page

O TSXG acorda a paralización cautelar do proxecto eólico Estivada promovido en Agolada e Antas

hace 20 minutos
3 min de lectura

O Tribunal galego dá novamente a razón a Adega e "desmonta así os bulos da Xunta e da patronal eólica sobre o desbloqueo do sector"


Ecos da Comarca/Agolada/Antas

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) dá novamente a razón a Adega e acorda a paralización cautelar do proxecto eólico Estivada, promovido por Green Capital Power nos concellos de Agolada e Antas de Ulla. Trátase da terceira paralización cautelar por riscos ambientais adoptada, a instancias de Adega, pola sección 3ª da Sala do Contencioso-Administrativo após o traslado forzoso dos maxistrados Luís Villares e Dolores López á sección 4ª e despois de que a Xunta atribuíse a parálise do sector á súa suposta parcialidade.


A nova composición da sección 3ª acolle de novo unha solicitude de paralización cautelar de Adega (tras as dos proxectos Pena do Pico e Fial das Corzas), ao considerar que no caso do parque eólico Estivada "constan indicios racionais de posíbel dano ambiental no informe técnico achegado pola actora" e que "as afeccións ambientais identificadas abarcan un grave impacto sobre a conectividade ecolóxica e a biodiversidade da zona".

Malia a unha DIA favorábel e aos argumentos achegados polas denunciadas (Xunta e empresa), o Alto Tribunal galego considera que "non logran neutralizar a incerteza sobre o posíbel dano ambiental, polo que, [], o principio de precaución de raigame comunitaria impón priorizar a salvagarda provisional do substrato ecolóxico persistente". Para a Sala, este principio "esixe actuar antes de que unha eventual Sentenza estimatoria quede reducida a papel mollado pola consumación de feitos irreparábeis".


O P.E. Estivada foi autorizado en 2023 no centro xeográfico da Galicia, en concreto, nos concellos de Agolada e Antas de Ulla. Prevé colocar 8 aeroxeradores de 200 metros de altura en montes próximos á Serra do Careón, espazo da Rede Natura e na súa área de ampliación.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

"Existen importantes déficits na avaliación dos seus impactos sobre a biota e ignora a presenza de taxóns ameazados como as rapiñas esteparias, nidificantes en zonas próximas. Constitúe tamén unha posíbel fragmentación artificiosa co P.E. "Zamorra" promovido pola mesma empresa e suspendido en 2025 polo TSXG a instancias de Adega. Ambos polígonos eólicos abeiran sospeitosamente dous espazos da RN2000 e as súas áreas de ampliación, e conforman en conxunto unha auténtica barreira para a avifauna entre os dous espazos naturais protexidos", sinala Adega.


"O TSXG desmonta os bulos da Xunta e a patronal eólica sobre o desbloqueo do sector"

Adega recalca que "logo das recentes resolucións do TSXG nas que valida a autorización de diversos parques xudicializados ("Bustelo", "Couto Muíño", "Couto da Mina" e "Treboada") por diversos motivos alleos á cuestión ambiental, Xunta e patronal eólica felicitáronse polo "desbloqueo" do sector. Porén, o agumento central das tres últimas cautelares concedidas a ADEGA para os parques de "Estivada", "Fial das Corzas" e "Pena do Pico" apunta aos graves déficits das autorizacións ambientais concedidas pola Xunta. Agora é de novo a Sección 3ª do TSXG, despois da polémica remuda dos maxistrados Luís Villares e Dolores López sinalados pola Xunta como causantes do "parón eólico", a que coa paralización do P.E "Estivada" volve sinalar a chafalleira tramitación administrativa da Xunta. Fica así demostrado que o actual caos eólico non se debe nin ás decisións xudiciais nin á actuación do ecoloxismo: é froito dunha planificación caduca e da incompetencia dunha administración máis preocupada polos beneficios das eléctricas que polo interese público. E a suposta inseguridade xurídica que a Xunta atribuíu ás decisións xudiciais de paralización de numerosos parques, habería que buscala mellor no caos normativo creado polo PP: a lei eólica vixente (8/2009) aprobada no primeiro ano de Feijóo na Xunta, acumula nesta altura máis modificacións que artigos: foron 105 cambios a través de 14 leis consecutivas".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Todo un exemplo de "seguridade xurídica", apunta. "Esta nova resolución pon tamén de manifesto a urxente necesidade dunha nova planificación do sector baseada en criterios de sustentabilidade ambiental e xustiza social. Como sinalou a Sala no seu Auto, "o desenvolvemento industrial non está validado legalmente se pode menoscabar elementos do medio ambiente susceptíbeis de protección. Por tanto, ninguna norma autonómica ou estatal [] pode autorizar unha industria se ésta é susceptíbel de menoscabar ou degradar de maneira desprotexida un elemento do ecosistema preexistente. O interés público superior radica en salvagardar a contorna natural"".



Esta nova vitoria nos tribunais, salienta Adega, "foi posíbel grazas ás achegas da veciñanza e de persoas comprometidas co medio ambiente a través da campaña de micromecenado #TiPodesParalos, pola que se conseguiu reunir os fondos necesarios para afrontar os custos deste proceso xudicial. A todas, moitas grazas!".

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page