Ulloa Viva pide aos grupos parlamentarios apoio para “dar carpetazo definitivo” a Altri
- ecosdacomarca

- hace 13 minutos
- 3 Min. de lectura
A Plataforma convidou a todos os grupos do Parlamento a asistir á manifestación do 14D en Santiago
Ecos da Comarca/Xeral
A Plataforma Ulloa Viva mantivo onte no Pazo do Hórreo encontros cos grupos parlamentarios, aos que o presidente da Plataforma, Juan Pedro Sánchez convidou a participar o vindeiro 14 de decembro en Santiago na manifestación convocada por Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa baixo o lema “Do río ata o mar. Polas que somos e polas que virán. Altri Non, Fóra Xa”.
A Plataforma pediu reunións con todos os grupos representados no Parlamento de Galicia. Ulloa Viva cursou a mesma petición de reunión a todos os grupos, para trasladarlles a situación actual e as demandas da veciñanza das zonas directamente afectadas polo proxecto da macrocelulosa. Ulloa Viva trasladou no Parlamento galego a preocupación da veciñanza porque “o proxecto non está parado” e advertiron que desde a Plataforma “traballamos e traballaremos para que se dea carpetazo definitivo a un proxecto que xa deixamos claro que non ten lexitimidade social”.
Os membros de Ulloa

Viva reuníronse polo Grupo Parlamentario do PPdeG cos deputados Cristina, Sanz, Gonzalo Trenor e Miguel Lorenzo, nun encontro no que a Plataforma trasladoulles a “preocupación” da veciñanza nas zonas afectadas polo proxecto de Altri e lembroulles a responsabilidade da Xunta de Galicia para “pechar” o proxecto de Altri en aspectos “pendentes” coma a petición da captación de 46 millóns de litros de auga diarios do encoro de Portodemouros, a Autorización Ambiental Integrada (AAI) pendente da Xunta e a aprobación definitiva do Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) no Consello da Xunta.
Os membros da Directiva da Plataforma agradeceron a “cordialidade” no encontro e pediron unha “canle de contacto” co grupo parlamentario popular para seguir a trasladar as “preocupacións, inquedanzas e demandas” da veciñanza afectada polo proxecto da macrocelulosa. Tamén aproveitaron desde Ulloa Viva para lembrarlles aos deputados populares que “fai anos que temos solicitado un encontro coa conselleira de Economía e Industria” para o que de momento non houbo resposta algunha.
Publicidade
Polo Grupo Parlamentario do BNG reuníronse coa Plataforma a súa voceira, Ana Pontón, e o deputado Luís Bará. No encontro a Plataforma trasladoulle ao BNG o programa de actividades que está a desenvolver de cara á mobilización do vindeiro 14 de decembro. Os deputados nacionalistas analizaron tamén coa Plataforma as últimas novas arredor da tramitación do proxecto de Altri en Palas de Rei, e trasladáronlle a preocupación veciñal porque tanto a Xunta como Altri “non desisten en implantar o proxecto”.
Desde o BNG o deputado Luís Bará explicou á Xunta Directiva que mañá defenderá unha iniciativa no pleno do Parlamento demandando precisamente o arquivo do proxecto. Tamén mantiveron un encontro cos representantes da Xunta Directiva de Ulloa Viva
cas deputadas socialistas Lara Méndez e Carmen Rodríguez Dacosta, que expresaron o seu apoio á mobilización convocada por Ulloa Viva e a PDRA para o vindeiro 14 de decembro e destacaron “os 3 Noes” do Goberno central ao proxecto de Altri, e comprometeron o seu traballo para que como demanda a veciñanza haxa un “non definitivo” á macrocelulosa por parte da Xunta de Galicia.
Publicidade
O presidente e o tesoureiro da Plataforma, Juan Pedro Sánchez e Serxio Núñez, mantiveron tamén un encontro co deputado de Democracia Ourensá (DO), Armando Ojea integrante do Grupo Mixto, co que trataron sobre as implicacións do Proxecto Gama na provincia de Ourense e a situación actual da tramitación administrativa da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. Ulloa Viva aproveitou tamén para, como noutras mobilizacións anteriores, convidar a Ojea a que asista o vindeiro 14 de decembro en Santiago á manifestación contra a macrocelulosa “Altri Non. Fóra xa”.








Comentarios