Néstor Rego sinalou en Arzúa: “O BNG é a única alternativa real na defensa da Galiza”
Advertiu da necesidade de “non baixar a garda con Altri, a sociedade galega debe continuar a mobilización, agora participando masivamente o 29N, para dar máis voz á Galiza e impedir que un cambio de signo no Goberno poida facilitar a reactivación"
Ecos da Comarca/Arzúa
O deputado Néstor Rego, afirmou no acto público que tivo lugar onte en Arzúa que “o BNG concorre ás próximas eleccións co orgullo de termos cumprido os nosos compromisos coa Galiza, coa defensa das políticas socias e de ter sido un muro de contención frente ao bloque reaccionario da ultra dereita”.

Néstor Rego deixou claro que fomos “a voz insubornábel en defensa dos intereses da Galiza” pois o BNG ten como único horizonte a mellora do país e da calidade de vida dos galegos e galegas, especialmente das clases populares. O deputado puxo en valor o traballo nas Cortes, pois “o BNG conseguiu máis para Galiza cun deputado e unha senadora que todos os deputados e senadores do PP, PSOE e Sumar xuntos”. Así mesmo, realizou un balanzo positivo do Acordo de Investidura, deixando claro que “fomos a única forza política que puxo as prioridades da Galiza na axenda política”.
Un Acordo, enfatizou Rego, que significou “bonificacións de até o 75% na AP-9, descontos tamén na AP-53, a transferencia da autoestrada do Atlántico, o impulso á execución dos traballos da A-54, o estudo para os servizos ferroviarios de cercanías -aínda pendente de implantación debido ao adianto electoral-, o estudo para a conexión ferroviaria directa Santiago-Lugo, ou a modernización da rede galega, entre outras”.
PUBLICIDADE
Porén, lamentou que "a posta en marcha doutras importantes medidas, como a quita de débeda á Galiza de 4.000 millóns, non puidesen ser efectivizadas pola disolución das cámaras". “A condonación da débeda, por certo, non cotou co apoio do PP, que vota sempre en contra dos intereses da Galiza como fixo tamén coa transferencia da AP-9 ou co compromiso de estabelecer servizos de proximidade ferroviarios na Galiza na Lei de Mobilidade Sustentábel” apunta Rego.
“Paramos Altri e volveremos facelo”
Nesta comarca de Arzúa, que destaca pola importancia do sector agro gandeiro, o deputado do BNG censurou a Xunta do PP que “segue a favorecer a implantación de proxectos depredadores como é Altri sen lle importar o tremendo impacto no entorno, a afectación aos sectores produtivos, nin a contaminación no río Ulla e da ría de Arousa”. Advertiu sobre a necesidade de “non baixar a garda, pois fica claro que, de ter a posibilidade volverán impulsar un proxecto que é unha bomba ambiental para a Galiza. A mobilización social e política permitiu parar Altri, agora é preciso seguir mobilizándonos, participando masivamente nas eleccións do 29N e apoiar a única forza política que aposta de forma clara pola defensa do país” apunta Rego.
PUBLICIDADE
O deputado asegurou que “non hai mellor garantía que o BNG para defender a Galiza, por iso nestas eleccións temos a oportunidade única de lograr máis forza, maior representación, para que a Galiza conte no Estado e poida facer valer os seus dereitos”, concluíu Rego.









Comentarios