Ulloa Viva ofrécelle ao embaixador de Portugal explicarlle a postura da veciñanza sobre Altri
- ecosdacomarca
- hace 3 días
- 2 Min. de lectura
O presidente da Plataforma aféalle ao diplomático que obviara o conflito social pola macrocelulosa na súa recente visita a Galicia
Ecos da Comarca/Palas de Rei
A Plataforma Ulloa Viva vén de dirixir un escrito ao novo embaixador de Portugal en España, José Duarte, que nunha visita estes días a Galicia pronunciouse arredor do proxecto da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei. Nos medios de comunicación, o embaixador asegurou que lle gustaría falar con todos os actores para “ver un por un os problemas que están identificados”, e diante da dimensión que ten acadado a loita social e veciñal contra o proxecto, Ulloa Viva considera “curioso” que o novo titular da Embaixada de Portugal non se teña posto en contacto cunha Plataforma veciñal que abandeira a loita contra esta macrocelulosa.

De todos os xeitos e á vista de que o señor embaixador luso manifestou en Galicia que lle gustaría falar con todos os actores e “falar un por un de todos os problemas que están identificados” por si “hai que mudar algunha cousa”, o presidente da Plataforma Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, advírtelle no escrito que no caso do proxecto de Altri-Greenalia en Palas de Rei a veciñanza pode “trasladarlle que Altri non é algunha cousa, é un todo inaceptable neste territorio”.
Xa que José Duarte expresou publicamente o seu interese por informarse e coñecer o estado do proxecto da macrocelulosa de Altri-Greenalia, a Plataforma Ulloa Viva remitiulle para a súa información o estudo a respecto elaborado por expertos de todos os eidos para o Consello da Cultura Galega, e púxose ao seu dispor para que ademais de coñecer a versión da multinacional da que é compatriota, poda contrastar a información e a postura a respecto desta macrocelulosa no corazón de Galicia de primeira man polas “persoas que habitamos, traballamos, compartimos vida, coidamos o territorio e facemos produtos de alta calidade”.
Publicidade
Ulloa Viva pode comprender que o embaixador “é novo no cargo”, xa que vén de tomar posesión en abril logo dunha mudanza de goberno no país veciño, pero critica que “alguén con responsabilidades diplomáticas, ao que se lle supón capacidade de diálogo e negociación, só expresara diante dunha problemática coma a do proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei interese por falar coa multinacional con capital no seu país”.
Publicidade
Tamén critica a Plataforma que o embaixador agardara “máis de cinco meses logo de tomar posesión para interesarse sobre un proxecto e un conflito social xenerado en Galicia que afecta de cheo a unha empresa pasteira que como seguro sabe José Duarte ten certos problemas de contaminación coas súas instalacións en Portugal”.
Comentarios