Luis López salienta o investimento de 320.000€ en 2 anos para mellorar as instalacións deportivas de Lalín
- Laura Moure
- hace 11 horas
- 2 Min. de lectura
O presidente provincial, acompañado polo alcalde José Crespo, comproba o resultado das intervencións realizadas no Pavillón Municipal, cun investimento 144.000€ por parte da Deputación
Laura Moure/Lalín
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o acerto que está a supoñer o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, impulsado pola goberno provincial e que en dous anos repartiu 12 millóns de euros entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, para a modernización e mellora de instalacións deportivas municipais como as de Lalín. Un Concello que recibiu ao abeiro destes dous plans un total de 320.000 € que permitiron mellorar os equipamentos das “tres xoias da coroa” das instalacións deportivas do Concello: O Pavillón Municipal, o Lalín Arena ou a campo de fútbol Manuel Anxo Cortizo. “Son actuacións que se poden considerar pequenas, pero son grandes para que Lalín siga á vangarda en instalacións deportivas”, afirmou o presidente provincial despois de comprobar o remate das actuacións realizadas no Pavillón Municipal acompañado polo alcalde de Lalín, José Crespo.

Os traballos realizados ao abeiro da segunda edición do PEID neste polideportivo están valorados en máis de 144.000 euros e consistiron no acondicionamento dos aseos, a adquisición de mallas metálicas para as pistas de tenis e as gradas, dunha lona de grandes dimensións co logo do Concello, a colocación de toldos separadores, a instalación de novo material audiovisual, de son e megafonía ou a compra de novo material deportivo como: canastras, marcador, bancadas e redes de protección. Unha actuación completa que, segundo recoñeceu López, demostra “o bo facer do equipo de goberno pola xestión eficaz deses fondos”. O alcalde José Crespo sinalou que “son pequenos arranxos que son cruciais para ter unhas instalacións deportivas axeitadas” e recoñeceu que o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas “é un dos programas importantes que fixo a Deputación para os concellos”.
Publicidade
A mellora das instalacións deportivas dos concellos forma parte da estratexia da Deputación para que Pontevedra sexa “a provincia do deporte”. “Non somos só a provincia do deporte porque incrementamos as axudas a deportistas e clubs, nin porque organizamos grandes eventos de carácter internacional, tamén o somos polo gran impulso que estamos a dar ás instalacións deportivas”, asegurou o dirixente provincial. Un obxectivo no que Lalín xoga un papel fundamental. “Este Concello é unha referencia en Galicia, por iso en Lalín teñen lugar eventos internacionais como o partido da selección masculina de balonmán ou a gala dos premios Mestre Mateo”, subliñou López.
Publicidade
O compromiso da Deputación co Concello de Lalín non se limita unicamente á mellora dos equipamentos deste Pavillón Municipal. A través de plans de Cooperación como o +Provincia e o Plan Extra, o organismo provincial ten previsto investir este ano na capital do Deza un total de tres millóns de euros. “Convidamos a toda a veciñanza de Lalín a que desfrutes destas instalacións para a práctica do deporte”, concluíu Luis López.
Comentarios