O Concello de Silleda liquidará o préstamo do novo consistorio
O ente local pon en servizo a primeira fase da extensión da rede de abastecemento á
parroquia de Lamela
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda liquidará o préstamo vinculado ás obras do novo consistorio mediante unha nova amortización anticipada de 500.000 euros, que será un dos asuntos que se someterán á consideración do Pleno ordinario deste venres e que foi abordado onte na correspondente Comisión Informativa. A proposta consiste nunha modificación orzamentaria por importe de 500.000 euros destinada integramente a amortizacións e financiada con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais. O informe de Intervención é favorable á operación.
A proposta que irá ao Pleno establece tamén que, unha vez aprobada inicialmente, deberá permanecer en exposición pública durante quince días hábiles antes de adquirir carácter definitivo no caso de non presentarse reclamacións.
Esta nova amortización súmase aos 500.000 euros destinados xa este ano á redución de débeda, co que o Concello completará durante 2026 un millón de euros en amortizacións extraordinarias e poderá cancelar definitivamente o préstamo que permanecía pendente polas obras da nova Casa Consistorial.

A alcaldesa e concelleira de Facenda, Paula Fernández Pena, destaca que “esta operación permítenos pechar unha etapa importante desde o punto de vista financeiro, liquidando o préstamo do novo consistorio e mantendo ao mesmo tempo a capacidade do Concello para seguir acometendo investimentos”.
O préstamo do plan de pistas, única operación pendente
Unha vez completada esta amortización, a única operación de crédito que permanecerá vixente será o préstamo destinado ao plan municipal de mellora de pistas e viarios, aprobado a finais de 2024.
O Concello continuará reducindo esta débeda mediante os remanentes municipais, tal e como se estableceu na planificación económica desta operación. Desde o goberno municipal sublíñase que, malia o importante volume de investimentos executados nos últimos anos, a situación económica do Concello mantense en niveis semellantes aos do inicio do actual mandato, compatibilizando a execución de novas obras coa redución da débeda. “Estamos sendo capaces de manter un forte ritmo investidor e, ao mesmo tempo, ordenar e reducir as obrigas financeiras do Concello”, sinala Fernández Pena, quen incide en que “o obxectivo é seguir garantindo unhas contas saneadas que nos permitan responder ás necesidades de Silleda”.
PUBLICIDADE
Por outra banda, a veciñanza dos lugares de Souto, Santa Cristina e parte da Peroxa, na parroquia de Lamela, xa pode realizar as conexións á traída municipal de augas, unha vez completados os traballos correspondentes á primeira fase da extensión da rede de abastecemento nesta zona.
O Concello de Silleda iniciara o pasado mes de xuño esta actuación, que permitiu prolongar a rede desde Maceira Boa, na Bandeira, ata a parroquia de Lamela, avanzando progresivamente polos distintos núcleos incluídos nesta primeira fase.
Os traballos foron executados fundamentalmente con medios propios municipais, contando tamén coa colaboración da Mancomunidade Terras do Deza, que apoiou as tarefas de apertura de gabias e extensión da tubaxe xunto co persoal municipal do servizo de augas.
Coa posta en servizo deste novo tramo, os inmobles situados nas zonas xa cubertas pola rede en Souto, Santa Cristina e parte da Peroxa poden iniciar os trámites necesarios para realizar a súa acometida e conectarse ao abastecemento municipal.
A alcaldesa e responsable de Obras, Paula Fernández, destaca que “chegamos agora ao momento máis importante desta actuación, que é que a veciñanza poida beneficiarse xa dun servizo básico como é o abastecemento municipal de auga”.
Fernández lembra que “a extensión da traída ao rural é un proceso progresivo e complexo, especialmente nun concello coa dispersión territorial de Silleda, pero seguimos avanzando núcleo a núcleo e aproveitando ao máximo os recursos municipais”.
A rexedora pon tamén en valor o traballo desenvolvido polo persoal municipal e pola Mancomunidade Terras do Deza, “que permitiu executar unha actuación moi necesaria optimizando medios e reducindo custos”.
Esta primeira fase da extensión á parroquia de Lamela dá continuidade á política municipal de ampliación progresiva da rede de abastecemento, que nos últimos anos permitiu levar a traída municipal a novos puntos do territorio. Entre eles figuran localidades como Taboada, Cortegada, Toxa, Saídres, O Castro, Rellas e Sachocos, así como actuacións máis recentes en zonas próximas aos cascos urbanos como Chapa e Ponte.
PUBLICIDADE
“O noso obxectivo segue sendo que cada vez máis veciños e veciñas do rural poidan dispoñer dun abastecemento público, seguro e de calidade”, sinala Paula Fernández, quen incide en que “estas actuacións son fundamentais para mellorar servizos e favorecer a calidade de vida nas parroquias”.
Cometidas xa executadas e colaboración ca asociación veciñal
A actuación desenvolveuse en coordinación coa Asociación de Veciños e Veciñas San Miguel de Lamela, que colaborou co Concello na detección das necesidades da parroquia e facilitou a relación das familias interesadas en conectarse á nova rede. As acometidas destas vivendas xa quedaron executadas, polo que agora as persoas interesadas só teñen que acudir ao Concello para formalizar a alta e solicitar a instalación do contador. No caso de que opten por instalalo pola súa conta, deberán solicitar posteriormente ao
servizo municipal o precintado dos racores.









Comentarios