top of page

O goberno cruceño sinala que levan anos reclamando unha solución para o CEIP Nosa Señora da Piedade

hace 3 minutos
3 min de lectura

“Non é certo que non fixésemos nada”, recalca en relación ás declaracións do BNG


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O alcalde de Vila de Cruces, Luís Taboada, e o equipo de goberno aclaran as declaracións do voceiro local do BNG, Álex Fiúza, sobre a situación do CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade: "Coincidimos plenamente coa reivindicación das familias, da comunidade educativa e co esencial da información do BNG. O colexio necesita unha solución estrutural, unhas instalacións dignas e espazos adaptados ás necesidades actuais. Onde non podemos coincidir co BNG é en afirmar que o Concello non fixo nada, porque iso non se corresponde coa realidade".

Sinala que "levamos anos traballando para buscar unha solución, participando en reunións e concentracións, enviando escritos á Xunta, realizando numerosas xestións e chamadas, elaborando o informe técnico e diversas comunicacións sobre o estado do centro e asumindo, con fondos municipais, arranxos no colexio que non eran da súa competencia"


"A realidade é clara", recalca o ente local. "As actuacións estruturais que precisa o CEIP son obras maiores e corresponden á Xunta de Galicia. O Concello pode colaborar e reclamar, pero non pode asumir economicamente obras que non lle corresponden, especialmente cun orzamento municipal limitado e con numerosas necesidades e competencias propias que atender. De feito, a última proposta da Xunta volve seguir o mesmo camiño. Segundo se trasladou ao centro, a Administración autonómica estaría disposta a executar unha parte da obra maior se o Concello asumise outra. Porén, esa proposta foi comunicada verbalmente ao colexio, e a Xunta nin sequera se puxo en contacto directamente con Luís Taboada e co equipo de goberno para presentala formalmente".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

E isto, apunta, "non é un feito illado. Xa sucedeu coa anunciada unificación do centro. A Xunta explicou verbalmente ao profesorado e a algunhas familias como sería esa unificación e chegou a mostrar un suposto plano do futuro centro, no que se contemplaba deixar sen uso o actual edificio de Infantil. Pasaron os anos, aquela proposta nunca se

materializou e tampouco chegou ao Concello ningún proxecto ou proposta formal. Por iso, desde o equipo de goberno consideramos que non se pode seguir funcionando a base de anuncios e propostas verbais. O que necesita a comunidade educativa son feitos: un proxecto concreto, financiamento e un calendario de execución. O CEIP leva demasiado tempo esperando unha solución".


E engade que este caso tamén exemplifica un problema máis amplo. "Os concellos acaban asumindo servizos e gastos doutras administracións para evitar que a veciñanza quede sen resposta. Un exemplo é o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que o Concello presta e financia mentres reclama á Xunta unha maior asunción das súas responsabilidades. Os recursos municipais son limitados e deben destinarse tamén ás competencias propias. Non se pode pretender que os concellos asuman continuamente aquilo que corresponde a outras administracións".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

E concluén diciendo que " Luís Taboada e o equipo de goberno seguirán ao lado das familias e da comunidade educativa e seguirán reclamando unha solución. Neste asunto debemos estar unidos. O obxectivo debe ser conseguir que a Xunta de Galicia asuma a súa competencia e dea, dunha vez por todas, unha resposta definitiva ao CEIP Nosa Señora da Piedade. O que precisa o colexio agora non son máis promesas verbais. Precisa feitos".


NOTICIA RELACIONADA:

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page