UCIN critica "a falta de calefacción nas aulas mentres os despachos oficiais teñen todas as comodidades"
- ecosdacomarca
- hace 19 horas
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
O comezo do curso escolar en Galicia volve poñer sobre a mesa a falta de investimento real na educación pública, tal e como sinala desde UCIN Galicia, o seu coordinador, José Luis Calo. Denuncia "a persistencia de graves deficiencias estruturais en numerosos centros educativos da comunidade, especialmente a ausencia de calefacción en moitas aulas, o que compromete o benestar e o rendemento do alumnado dende o primeiro día de clase".

“É inaceptable que no século XXI os nosos nenos e nenas teñan que aprender en aulas frías, mentres os sillóns dos despachos institucionais están perfectamente climatizados. Isto non é só unha cuestión de comodidade, é unha cuestión de dignidade e de prioridades políticas”, sinala Calo.
UCIN Galicia lamenta que o inicio de curso veña acompañado, un ano máis, de situacións que xa deberan estar resoltas hai décadas:
• Centros educativos con instalacións obsoletas.
• Profesorado sen recursos suficientes.
• Familias soportando un gasto cada vez máis elevado para garantir unha educación básica aos seus fillos.
Publicidade
“A educación estase a converter nun luxo ao alcance de poucos. Uniformes, libros, comedores escolares, transporte... Todo suma, e faino nun contexto onde as axudas públicas son insuficientes ou chegan tarde. Non podemos permitir que as familias galegas teñan que endebedarse para cumprir co que debería ser un dereito garantido polo Estado”, engade o coordinador de UCIN Galicia.
Desde UCIN insístese en que non se trata de pedir luxos, senón de cubrir necesidades mínimas: calefacción no inverno, ratios razoables, materiais adecuados e profesionais ben
apoiados. "A formación das vindeiras xeracións non pode seguir dependendo do esforzo
económico desproporcionado das familias e do compromiso persoal do profesorado que
suple con vocación o que falta por parte da administración".
Publicidade
UCIN Galicia esixe á Xunta de Galicia unha actuación urxente e realista para garantir
condicións dignas en todos os centros escolares, especialmente no rural, onde as carencias son aínda máis acusadas. “Investir en educación non é un gasto, é a única inversión que garante o futuro da nosa sociedade. Non podemos seguir deixando aos nosos fillos tremendo nas aulas mentres nos despachos todo funciona á perfección”, conclúe Calo.
Comentarios