O Arzúa + Concilia – Verán chega ao seu fin con 117 participantes
- Laura Moure
- hace 12 horas
- 2 Min. de lectura
Manterase activo ao longo do ano, con convocatorias específicas en cada período non lectivo
Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa concluíu a quenda de verán do Arzúa + Concilia, o servizo público municipal impulsado pola área de Igualdade que garante á veciñanza recursos de conciliación en todos os períodos non lectivos do ano. O Arzúa + Concilia Verán prolongouse durante 11 semanas, nas que participaron 117 nenas e nenos do municipio. Ao longo deste tempo realizáronse obradoiros creativos, xogos ao aire libre, dinámicas deportivas, contacontos e visitas á Biblioteca Municipal, todas elas actividades con enfoque pedagóxico e baseadas na igualdade, na diversidade e no respecto mutuo.
A posta en marcha deste servizo supuxo unha achega orzamentaria específica do Concello, que entende a conciliación como un dereito das familias e o lecer como un dereito fundamental da infancia.
Publicidade
A concelleira de Igualdade, Lucía López, valora a experiencia indicando que “remata a quenda de verán do Arzúa + Concilia, un servizo municipal que puxemos en marcha o pasado mes de xuño para dar resposta, en materia de conciliación, ás necesidades reais das familias. Os datos de participación e o interese amosado confirman a necesidade de seguir a desenvolver políticas públicas a prol da conciliación e dos dereitos das familias. Agora só nos queda desexarlle un bo inicio de curso a toda a rapazada de Arzúa”.
Publicidade
O Concello de Arzúa lembra que o Arzúa + Concilia manterase activo ao longo do ano, con convocatorias específicas en cada período non lectivo (Nadal, Semana Santa ou vacacións de verán), reforzando así o compromiso municipal coa conciliación e co benestar da veciñanza.
Comentarios