UCIN apoia o informe de Ecoloxistas en Acción e reclama máis compromiso coa Rede Natura 2000
- ecosdacomarca

- 22 sept
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
José Luis Calo, coordinador autonómico de UCIN Galicia, manifesta o seu apoio ao informe presentado por Ecoloxistas en Acción sobre o estado da Rede Natura 2000 na provincia de Pontevedra, e cualifica como "alarmantes" as conclusións do estudo. “Este informe pon enriba da mesa unha realidade que desde UCIN Galicia levamos tempo denunciando: a deixadez institucional no coidado do noso patrimonio natural”, sinala Calo.

“Non pode ser que espazos incluídos na Rede Natura 2000, como o complexo intermareal A Ramallosa ou o sistema fluvial Ulla-Deza, sigan sen contar con plans de xestión axeitados. Estamos falando de ecosistemas únicos, cun valor ambiental incalculable, que
están completamente desprotexidos fronte á presión humana”.
O informe avalía tamén a situación das serras da Groba e do Suído, dúas zonas de gran riqueza ecolóxica que carecen de calquera figura oficial de protección. Desde UCIN Galicia, comparten a demanda de Ecoloxistas en Acción de que estes espazos sexan
designados de forma inmediata como Lugares de Importancia Comunitaria (LIC), como paso previo á súa integración na Rede Natura 2000.
PUBLICIDADE
“Excluír estas zonas das figuras de protección non só é un erro técnico, é tamén un
incumprimento das obrigas europeas. Galicia non pode seguir quedando atrás en materia de conservación ambiental”, denuncia o coordinador de UCIN.
José Luis Calo tamén insta á Xunta de Galicia a asumir as súas responsabilidades neste
ámbito: “Non é suficiente con declarar zonas protexidas, hai que dotalas de recursos, plans de xestión e vixilancia efectiva. Se non actuamos agora, perderemos para sempre un legado natural que é de todas e todos”.
PUBLICIDADE
UCIN Galicia reafirma o seu compromiso coa defensa do medio ambiente e aposta por un
modelo de desenvolvemento sustentable, no que a protección da biodiversidade sexa unha prioridade real e non só unha declaración de intencións.
NOTICIA RELACIONADA:
Ecoloxistas en Acción: "A bacia do Ulla–Deza, cada vez máis afectada pola concentración por nitratos": https://www.ecosdacomarca.com/post/ecoloxistas-en-acci%C3%B3n-a-bacia-do-ulla-deza-cada-vez-m%C3%A1is-afectada-pola-concentraci%C3%B3n-por-nitratos








Comentarios