Ecoloxistas en Acción: "A bacia do Ulla–Deza, cada vez máis afectada pola concentración por nitratos"
- ecosdacomarca

- 17 sept
- 6 Min. de lectura
Esta organización avalía a situación da Rede Natura 2000 galega e denuncia o grave deterioro que está sufrindo "polo desleixo das administracións"
Ecos da Comarca/Xeral
Ecoloxistas en Acción está realizando unha avaliación das zonas declaradas de especial conservación (ZEC) en Galicia e incluidas na Rede Natura 2000 e doutras zonas que, a pesar do seu gran valor natural, carecen de figura de protección ambiental e están excluídas da, xa exigua, Rede Natura 2000 galega. Unha avaliación realizada en catro fases, sendo cada fase unha parte xeográfica galega distinta. Esta primeira parte, que presentan agora, do estudio ambiental abrangue a provincia de Pontevedra.
Dentro da provincia de Pontevedra, o informe avalía a situación de dúas zonas incluidas en Rede Natura: o complexo intermareal A Ramallosa e o sistema fluvial Ulla - Deza. Tamén se avalían outras dúas zonas que a pesar de ter un alto valor natural non están en Rede Natura: os sistemas montañosos da Serra de A Groba e da Serra de O Suído.
No informe de Ecoloxistas en Acción sinálase o grave deterioro que están sufrindo as dúas zonas de especial conservación avaliadas polo impacto severo que está tendo a actividade humana sen control nin regulación por parte da administración galega. De feito ambas zonas protexidas carecen dos pertinentes plans específicos de control e xestión, malia seren obrigatorios segundo a Directiva Hábitats (92/43/CEE). Denuncian un incumprimento sistemático da lexislación ambiental europea e estatal por parte da Xunta de Galicia.

"Esta carencia impide unha protección efectiva da biodiversidade e vulnera dereitos ambientais recoñecidos. Algo que sucede con toda a rede Natura 2000 galega, a pesar de ser o territorio europeo con menos extensión de territorio protexido, apenas un 10%, moi lonxe incluso de comunidades autónomas do propio Estado español que como na en Madrid as zonas de especial protección chegan a superar o 40% do territorio total", recalca.
No complexo intermareal A Ramallosa, zona de especial protección que comparten os concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona, o informe de Ecoloxistas en Acción destaca como maiores problemas ambientais a contaminación das augas e a desmedida ocupación urbanística do espazo natural, ambos problemas causado en gran parte por un turismo masivo sen control nin regulación. "Segundo os datos oficiais, no Val Miñor hai unha marcada presenza recorrente de contaminación microbiolóxica nas augas superficiais e de trihalometanos na auga potable de subministración á poboación. Ao que se suma unha contaminación por nitratos, ións salinos, metais e outros compostos que se produce principalmente pola descarga de augas residuais mal tratadas epolo exceso do uso de fertilizante. De feito, no esturaio do río Miñor levan anos de prohibición de marisqueo pola grave contaminación da auga".
A ocupación desmedida do chan e a deterioración de espazos como camiños comunitarios, son presións que impactan negativamente na saúde dos ecosistemas e a variedade de vida, tal e como explica." A construción desmedida de vivendas e edificios reduce a extensión de hábitats naturais, como bosques, praderías e humidais, e convérteos en fragmentos illados. Todas estas presións das actividades humanas conducen á perda de biodiversidade. A pesar de ter sido declarada Rede Natura e de albergar especies en perigo de extinción, a praia de A Ladeira, na Foz do Miñor, segue estando ocupada por unha gran instalación turística de gran impacto ambiental".
Segundo o informe, o sistema fluvial Ulla-Deza, ZEC conformada pola zona do río Sar, a zona do río Deza e o estuario cos Lombos do Ulla, tamén está sufrindo un grave deterioro ambiental causada principalmente pola contaminación industrial e o impacto de infraestrututas de diversa índole.
A bacia do Ulla–Deza está cada vez máis afectada por unha alta contaminación por nitratos. "A contaminación por nitratos en ríos é un problema ambiental significativo, principalmente causado por actividades humanas como a agricultura intensiva e a xestión inadecuada de augas residuais. As principais fontes de contaminación difusa na comarca de O Deza adoitan ser as actividades agrícolas e gandeiras, intensivas, concellos como Silleda e Vila de Cruces contan cunha significativa cabana gandeira, sobre todo porcina, que xerá grandes cantidades de xurros. Os nitratos poden chegar ás augas superficiais e subterráneas a través da escorrentía agrícola, fugas de sistemas sépticos e descargas de augas residuais, alterando o equilibrio ecolóxico e representando un risco para a saúde humana".
"A construción neste espazo Rede Natura 2000 de infraestruturas como estradas, ferrocarrís, presas e liñas de alta tensión ten graves consecuencias para a biodiversidade, xa que causa unha forte fragmentación do hábitat. Estas infraestruturas actúan como barreiras físicas que impiden o movemento de especies, reducen a diversidade xenética e dificultan a recuperación dos ecosistemas", salienta.
PUBLICIDADE
Ademais, Ecoloxistas en Acción avaliou no seu estudio a Serra de A Groba, sistema montañoso no suroeste de Galicia que atravesa os concellos de Baiona, Oia e O Rosal, e a Serra de O Suído, sistema montañoso no centro-sur de Galicia que na provincia de Pontevedra entra nos concellos de O Covelo, A Lama, Fornelos de Montes e Mondariz. "Ambas serras, situadas no suroeste e centro-sur de Galicia, albergan hábitats prioritarios e especies vulnerables recollidos nos Anexos da Directiva Hábitats (92/43/CEE) e da Directiva Aves (2009/147/CE), así como especies ameazadas segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas".
Estas serras, recalca, albergan hábitats prioritarios únicos como carballeiras atlánticas, turbeiras activas, ríos de cabeceira, brañas e queirogais húmidos. "Nelas habitan especies en perigo como morcegos, réptiles endémicos, flora higrófila e o garrano galego, raza autóctona en perigo de extinción. Hábitats prioritarios e especies vulnerables recollidos nos Anexos da Directiva Hábitats (92/43/CEE) e da Directiva Aves (2009/147/CE), así como especies ameazadas segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas".
E sinala que ambas son corredores ecolóxicos chave, "A Groba conecta espazos costeiros do Miño e O Suído actúa como nexo da Dorsal Galega. Ademais, a Serra de O Suído ten valor hidrolóxico estratéxico, xa que dela nacen ou se nutren de auga ríos que, como o Oitavén ou o Tea, abastecen as cidades máis populosas do sur da provincia. A pesar do seu alto valor ambiental e dos importantes servizos ecosistémicos que prestan tanto a Serra de A Groba como a de O Suído, ambas amorean ameazas ambientais en aumento. Entre elas destacan a construción de parques eólicos co grave impactos das súas infraestruturas e proxectos mineiros agresivos coa natureza como a Mina Doade".
Ecoloxistas en Acción reclama para ambas serras a designación inmediata como Lugares de Importancia Comunitaria (LIC), paso previo á súa inclusión plena na Rede Natura 2000. "Xa que a súa exclusión actual constitúe unha grave omisión técnica e legal que incumpre as Directivas europeas de conservación da natureza". A organización advirte "que a inacción vulnera a lexislación europea e pode derivar en procedementos de infracción por parte da Comisión Europea. A protección de A Groba e de O Suído é unha obriga legal, un deber ambiental e unha oportunidade para un modelo de desenvolvemento baseado no respecto pola biodiversidade".
Resaltan que só grazas a mobilización veciñal se conseguiu frear en gran medida a degradación ambiental. "No caso da Serra de O Suído colectivos como Asamblea do Suído, e máis recentenmente SOS Suído–Seixo, levan anos documentando impactos ambientais, propoñendo alternativas e denunciando proxectos agresivos como a mina de Doade, os parques eólicos sen avaliación axeitada ou o abandono das brañas e regatos. Na Groba, grazas plataformas locais como SOS GROBA, organizacións ecoloxistas e a mobilización popular conseguiuse frear a implantación de varios parques eólicos".
PUBLICIDADE
Alertan que a esta degradación actual hai que engadirlle "o impacto alta de resposta institucional fronte a proxectos industriais agresivos, como portos deportivos, a mina de Doade ou a macrocelulosa de ALTRI". "Ademais, en todas as zonas avaliadas hai unha crecente expansión de especies invasoras que está degradando hábitats prioritarios, sen que haxa apenas reacción por parte das administracións". Unha reacción que reclama Ecoloxistas en Acción, insistindo en que as figuras de protección ambiental "poden ser eficaces para protexer á natureza sempre que haxa vontade política na administración pública para desenvolver, implementar e facer cumplir plans específicos de control e xestión de cada zona". Para acadar isto, a organización ecoloxista demanda á Xunta de Galicia e ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico:
A aprobación inmediata dos plans de xestión obrigatorios específicos de cada zona de Rede Natura 2000.
A ampliación da Rede Natura galega coa inclusión na provincia de Pontevedra, como mínimo, da Serra de A Groba e da Serra de O Suído.
Declaración de zonas vulnerable a nitratos na comarca do Deza.
O aumento do financiamento máis seguimento técnico e a coordinación efectiva entre administracións, con transparencia e participación social.
Informe completo:








Comentarios