Medio Rural autoriza as feiras de gando bovino procedente de explotacións galegas
- Laura Moure

- hace 11 minutos
- 3 Min. de lectura
Mantén o resto de medidas fronte á dermatose nodular contaxiosa
Laura Moure/Xeral
A Consellería do Medio Rural actualiza as medidas de prevención fronte á dermatose nodular contaxiosa (DNC), polo que volve autorizar a celebración de feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino en Galicia con finalidade comercial, aínda que polo momento só con asistencia de animais procedentes de explotacións galegas. A maiores, os vehículos procedentes de fóra da comunidade que acudan a estes eventos deberán acceder ás instalacións baleiros, limpados, desinfectados e desinsectados. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá a resolución pola que se actualizan estas medidas, as cales entrarán en vigor o vindeiro 1 de decembro e estarán vixentes ata o día 31 do mesmo mes, podendo ser prorrogadas, de acordo coa evolución epidemiolóxica da enfermidade.

No caso da celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións de gando bovino, deberá contarse coa autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, no seu caso tamén con asistencia só de animais de explotacións galegas.
Ademais, segue estando vixente o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes de explotacións localizadas fóra de Galicia -con destino a vida-, dende a data da súa incorporación á explotación de destino na nosa comunidade. A totalidade dos animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de xeito cautelar durante o mesmo período de tempo. Esta inmobilización afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.
Publicidade
Así mesmo, segue sendo obrigatorio desinsectar todos os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia, tanto para vida como para sacrificio, e, neste último caso, manténdose a posibilidade da súa entrada sempre que sexan trasladados directamente a matadoiro. Cabe sinalar que os Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural realizarán todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación, control das condicións de limpeza e desinsectación de vehículos, coa colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Por outro lado, a Consellería do Medio Rural lanza unha mensaxe de tranquilidade ao sector, dado que non hai constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e tampouco se transmite ás persoas. Asemade, tal como lembrou hoxe a conselleira no seo do Consello Agrario Galego, séguese reclamando ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación unha maior implicación do seu departamento e unha estratexia clara de coordinación para o control eficaz desta enfermidade, co fin de levar a cabo medidas homoxéneas entre as diferentes comunidades autónomas que dean certezas e seguridade no sector gandeiro. Tamén se lle pediu que lidere, no marco da Unión Europea, unha vacina marcada que poida usarse de maneira preventiva e que se modifique a categoría da enfermidade -actualmente considerada A, a máis grave das existentes-, xa que repercute de forma moi esixente no sector.
A dermatose nodular contaxiosa
Esta doenza é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade que implica importantes prexuízos, tanto nas explotacións afectadas como no sector bovino do territorio no que se notifique a súa presenza. Convén sinalar que esta enfermidade non afecta ás persoas, nin por contacto directo con animais infectados nin polo consumo dos seus produtos, e tampouco a través dos vectores transmisores.
Publicidade
A evolución da situación epidemiolóxica desta enfermidade en países da Unión Europea próximos tanto territorial como comercialmente con España, así como a detección desta doenza en Cataluña continuou con sucesivas notificacións de novos focos nesa Comunidade Autónoma, e supuxo un importante aumento do nivel de risco de aparición da DNC en Galicia. En todo caso, dende o 24 de outubro non se declararon novos focos da enfermidade en Cataluña e, tal como se informou no último Comité do Sistema de Alerta Sanitaria Veterinaria, a vacinación fronte a enfermidade nas zonas afectadas desta comunidade está moi avanzada.
A fin de previr a súa entrada no territorio de Galicia, faise necesario tomar medidas sanitarias cautelares, co fin de protexer á cabana bovina galega. Por parte da Consellería do Medio Rural púxose en marcha xa no verán unha campaña de información para o sector gandeiro co fin de explicar esta enfermidade e recomendar o incremento de medidas de prevención e bioseguridade nas explotacións, xa antes de que se detectaran os primeiros focos da doenza en España.








Comentarios