Stop Velutina e o abandono institucional: O sector apícola galego esixe actuacións inmediatas
Rexistrou este xoves un manifesto conxunto para salvagardar o futuro do sector
Ecos da Comarca/Xeral
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a Agrupación Apícola de Galicia, a Asociación Apícola Abellas Nais, a Asociación Casa do Mel, a Asociación de Apicultura Serra da Carba, Asociación Galega de Apicultura e a Asociación Provincial Lucense de Apicultores rexistraron este xoves un manifesto conxunto para salvagardar o futuro do sector no edificio de San Caetano da Xunta de Galicia, en Santiago de Compostela, baixo o lema Polas nosas abellas, polo noso futuro e pola nosa terra! Stop Velutina e o abandono institucional!
As organizacións asinantes deste manifesto solicitan ás administracións competentes que as demandas que se recollen no escrito sexan escoitadas e que se executen as accións oportunas para desenvolvelas, e agardan unha resposta, unha xuntanza e solucións específicas á problemática no prazo de 30 días. “Se en 30 días non hai solucións o sector valorará accións: se non hai solucións, mobilizacións!”, sinalaron.

As demandas do manifesto
Dese modo, tal e como se recolle no manifesto, os colectivos esixen ás administracións, en especial á Xunta de Galicia, a Fegamp e o MAPA, financiamento para investigación científica pública, compensacións económicas por perdas e sobrecustos, defensa do mercado local e etiquetado transparente, a creación dunha mesa permanente da Apicultura Galega, e a protección as abellas na PAC.
O cambio climático, a perda de biodiversidade, o encarecemento dos custos de produción, as importación de mel, a varroa destructor e, de maneira moi importante a invasión incontrolada da Vespa Velutina Nigrithorax (Vespa velutina) son as causas principais da crítica situación na que se encontra o sector, “esta tormenta perfecta na que corremos o risco de desaparecer se non se afronta como unha problemática social e un problema de toda a sociedade”, recoñecen.
As abellas, as gardiás invisibles do noso territorio
Sinalan que a apicultura en Galicia está a atravesar unha crise sen precedentes "na que corremos o risco da desaparición de miles de colmeas por todo o territorio e, polo tanto, a desaparición das persoas abelleiras, custodios e custodias das mesmas e parte moi importante na conservación da biodiversidade e do noso medio rural".
PUBLICIDADE
A seguir, o manifesto:
POLAS NOSAS ABELLAS, POLO NOSO FUTURO E POLA NOSA TERRA!!
STOP VELUTINA E O ABANDONO INSTITUCIONAL!!
A apicultura en Galicia está a atravesar unha crise sen precedentes na que corremos o risco da desaparición de miles de colmeas por todo o territorio e polo tanto a desaparición das persoas abelleiras, custodios das mesmas e parte importantísima na conservación da biodiversidade e do noso medio rural.
O cambio climático, a perda de biodiversidade, o encarecemento dos custos de produción, as importación de mel, a Varroa destructor e, de maneira moi importante a invasión incontrolada da Vespa Velutina Nigrithorax (Vespa velutina) son as causas principais desta tormenta perfecta na que corremos o risco de desaparecer se non se afronta como unha problemática social e un problema de toda a sociedade.
As abellas son as gardiás invisibles do noso territorio. Mentres recollen o néctar e o pole sementan o futuro de Galicia. Cada colmea destruída pola Vespa velutina non é so unha perda económica para as persoas abelleiras, é un golpe directo o noso ecosistema. Coidar das abellas é a forma máis pura e urxente de coidar do noso medio ambiente, e ten que ser un compromiso social do conxunto da sociedade e das administracións. A día de hoxe a velutina é un problema social máis ala das perdas e danos que causa no noso sector, danos noutros sectores como a froita, o viño e mesmo no gando, risco para as persoas que vivimos no medio rural, as persoas labregas e as actividades forestais…
As persoas abelleiras sufrimos unha enorme carga física, psicolóxica e económica polos estragos que directa e indirectamente nos xera a vespa velutina nos nosos colmeares. Ademais sentimos a frustración de levar anos denunciando a situación e que ningunha administración poña solucións reais encima da mesa e se sente a traballar co sector co fin de garantirlle un futuro e minimizar a incidencia desta praga nas nosas vidas. O noso esgotamento e aguante está chegando ó límite. Á cada vez maior dificultade de obter un rendemento económico que nós permita ter unha vida digna, temos que sumarlle ver como todos os veráns e outonos a velutina nós mata colmeas, moitas veces diante dos nosos ollos, e sen poder facer nada, ou mantelas a costa dun enorme esforzo económico que compromete a nosa viabilidade económica.
PUBLICIDADE
As persoas abelleiras fomos as primeiras en investigar, deseñar defensas e conter a praga ante a lentitude institucional, pero estamos cansas e fartas de camiñar soas. Para evitar o abandono masivo das nosos proxectos produtivos esiximos a todas as administracións, en especial á Xunta de Galicia, a Fegamp e o MAPA as seguintes accións directas:
1. Investigación científica pública: Financiamento prioritario para isto, así como a creación dende o ámbito público de grupos de traballo continuos onde entre persoas investigadoras, abelleiras e as administracións avancen na investigación e coñecemento do comportamento da vespa velutina, se fagan probas pilotos de medidas preventivas, zonas tapón coordinadas, formas de eliminar a mesma e se invistan máis fondos na retirada de niños e na prevención da súa expansión.
2. Compensacións económicas por perdas e sobrecustos: Creación de liñas de axudas axustadas á realidade para sufragar as colmeas mortas polo ataque de velutina e os elevados gastos derivados da compra de alimentación, combustible e material tecnolóxico de protección.
3. Defensa do mercado local e etiquetado transparente: Reforzo do selo IXP Mel de Galicia e das producións locais fronte á competencia desleal de meles importados a baixo prezo e adulterados, procedentes de terceiros países.
4. Mesa permanente da Apicultura Galega: Creación dun órgano de diálogo permanente entre administracións, OPAs, asociacións, universidades, grupos de investigación e outros axentes do sector. Para reaccionar en tempo real ás crises sanitarias, climáticas, baixas producións, crises do mercado e regulación da lei da cadea alimentaria. Esta mesa realizará propostas para a toma de decisións nas seguintes cuestións: estratexias a levar a cabo na loita contra velutina, deseño das axudas a apicultura. E que sirva para a permanente comunicación entre a administración e o sector apícola galego.
5. Apicultura e PAC: o papel fundamental que as abellas fan no mantemento da biodiversidade e dos ecosistemas, fai que teña que ter unha protección especial na PAC, así como unha revisión do plan apícola autonómico, tendo que ser incluída tanto nas intervención sectoriais como nas axudas medioambientais. Esiximos por tanto ás administracións competentes a inclusión na súa axenda da consecución destes obxectivos.
PUBLICIDADE
As organizacións asinantes deste manifesto solicitan ás administracións competentes que estas demandas sexan escoitadas e que se dean pasos para ir desenvolvéndoas, esperando unha resposta, unha xuntanza e solucións específicas á problemática antes exposta.
ASINAN:
Agrupación Apícola de Galicia, Asociación Apícola Abellas Nais, Asociación Casa do Mel, Asociación de Apicultura Serra da Carba, Asociación Galega de Apicultura, Asociación Provincial Lucense de Apicultores e Sindicato Labrego Galego.










Comentarios