Silleda completa a primeira análise da LAT A Estrada–Paizás e convoca este venres ás persoas afectadas
A documentación que permanece exposta ao público desde a súa recepción no Concello, foi analizada polos servizos municipais para trasladar á veciñanza información clara sobre o trazado e as súas afeccións
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda celebrará este venres 18 de setembro, ás 19:00 horas, no Centro Social de Cira, unha reunión informativa sobre o proxecto da Liña de Alta Tensión de 66 kV A Estrada–Paizás, unha vez completada unha primeira análise da extensa documentación que integra o expediente.
A documentación remitida pola Xunta está a disposición pública desde o primeiro día da súa recepción no Concello. Paralelamente, durante estas semanas os servizos municipais estiveron revisando e estudando o proxecto para poder trasladar agora á veciñanza, de maneira clara e transparente, o trazado previsto, as afeccións identificadas en Silleda e o procedemento administrativo no que se atopa a infraestrutura. "Este traballo permitiu tamén identificar as persoas titulares das parcelas directamente afectadas no termo municipal, que serán convocadas de maneira individual á reunión do venres. A xuntanza estará, en todo caso, aberta a toda a veciñanza interesada, incluídas aquelas persoas que, aínda sen teren unha parcela directamente afectada, consideren que poden existir repercusións de carácter paisaxístico, ambiental, patrimonial ou relacionadas cos accesos e camiños da zona", sinala o Concello.

Ao mesmo tempo, apunta que os servizos técnicos municipais continúan coa análise pormenorizada do expediente para elaborar o informe solicitado pola Xunta ao Concello dentro da tramitación ambiental. A reunión permitirá tamén recoller as cuestións e achegas da veciñanza antes de completar este traballo.
Sete apoios entre Dornelas e Cira
O proxecto, promovido por UFD Distribución Electricidad, contempla unha nova liña eléctrica de 66 kV entre as subestacións da Estrada e Paizás, cun percorrido total próximo aos 21,7 quilómetros. No termo municipal de Silleda, a afección concéntrase fundamentalmente nas parroquias de Dornelas e Cira, cun tramo aéreo de aproximadamente 1,38 quilómetros e sete apoios, numerados do 81 ao 87. O proxecto inclúe ademais un tramo soterrado para o cruzamento da N-525 e da Vía da Prata e outro na chegada á subestación de Paizás.
Entre os lugares máis próximos ao trazado figuran Augacai, Bascuas, O Curro e Santa Baia. Segundo a documentación técnica, Augacai sitúase a uns 197 metros do apoio máis próximo, Bascuas a 269 metros, O Curro a 306 metros e Santa Baia a aproximadamente 566 metros do apoio 87.
PUBLICIDADE
A análise que está realizando o Concello non se limita á situación das torres. Os servizos municipais están revisando tamén as servidumes da liña, os accesos previstos para a maquinaria, os camiños que poden verse afectados, a utilización temporal de parcelas, as afeccións sobre terreos agropecuarios e forestais, a Vía da Prata, o patrimonio cultural, os cursos de auga e o impacto paisaxístico.
O propio estudo de accesos prevé utilizar camiños existentes e, nalgúns puntos, realizar novos accesos ou recuperar antigas rodadas, con actuacións que poden incluír desbroces, talas ou acondicionamento do terreo. O Concello prepara o seu informe
O Concello traballa xa na elaboración do informe solicitado pola Xunta, coa intención de que o documento recolla de maneira precisa as afeccións que o proxecto pode ter sobre o territorio de Silleda e formule as consideracións que se estimen necesarias dentro das competencias municipais.
PUBLICIDADE
Entre as cuestións que están sendo estudadas figuran a protección dos camiños públicos e a súa restitución en caso de danos, a minimización dos novos accesos, a circulación de maquinaria pola Vía da Prata, as afeccións sobre os cursos de auga e o patrimonio ou a recuperación dos terreos unha vez rematadas as obras.
A reunión do venres permitirá trasladar á veciñanza o traballo realizado ata o momento, resolver dúbidas e incorporar ao proceso de análise municipal aquelas cuestións que formulen tanto as persoas propietarias directamente afectadas como o resto da veciñanza.
Segundo a documentación do proxecto, a nova liña pretende unir as subestacións da Estrada e Paizás para pechar o anel eléctrico de 66 kV. Na actualidade ambas dependen dunha única liña de alimentación, polo que esta conexión permitiría mellorar a seguridade e continuidade do subministro ante posibles avarías. O proxecto xustifícase tamén pola necesidade de aumentar a capacidade da rede para integrar nova produción de enerxía renovable.
Segundo a documentación do proxecto, a empresa promotora pretende unir con esta nova liña as subestacións da Estrada e Paizás para pechar o anel eléctrico de 66 kV. Na actualidade ambas dependen dunha única liña de alimentación, polo que esta conexión permitiría mellorar a seguridade e continuidade do subministro ante posibles avarías. Xustifican ademais o proxecto pola necesidade de aumentar a capacidade da rede para integrar nova produción de enerxía renovable.
O proxecto aínda está en tramitación
Desde o Concello lembran que a infraestrutura non conta neste momento coa autorización definitiva para a súa execución. O expediente atópase en fase de información pública e avaliación ambiental, momento no que poden formularse observacións e alegacións e no que as distintas administracións afectadas deben emitir os seus informes.
PUBLICIDADE
Posteriormente, explica, deberá completarse a avaliación ambiental e continuar o procedemento de autorización da instalación antes de poder iniciar a súa execución.
Durante a reunión explicarase tamén ás persoas afectadas a posibilidade de presentar alegacións particulares ao proxecto, independentemente do informe institucional que formule o Concello.
Desde o goberno municipal destacan que “a documentación estivo a disposición pública desde o primeiro momento, pero consideramos necesario estudala con detalle para poder trasladar á veciñanza un expediente moi amplo e técnico dunha maneira clara e comprensible. Agora temos identificadas as persoas propietarias directamente afectadas e unha visión moito máis precisa de como incide o proxecto en Silleda, polo que é o momento de sentarnos con elas e co conxunto da veciñanza”.
A reunión celebrarase este venres 18 de setembro, ás 19:00 horas, no Centro Social de Cira, e estará aberta a todas as persoas interesadas.










Comentarios