Sete de cada dez galegos maiores de 65 anos navegan por internet
- ecosdacomarca
- 23 sept 2024
- 3 Min. de lectura
Máis de 54.300 persoas maiores incorporáronse ao uso de internet entre 2021 e 2023
Ecos da Comarca/Xeral
Preto do 70 % dos galegos e galegas de máis de 65 anos empregan internet, o que supón un incremento dun 10 % no último ano. Un crecemento sostido que supuxo que máis de 54.300 persoas maiores de 65 anos se incorporasen ao uso da rede entre 2021 e 2023. Un dato relevante na dixitalización da sociedade galega, na que as persoas deste colectivo representan máis da cuarta parte da poboación.

Son datos do estudo Seniors dixitais. Edición 2023 elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e publicado hoxe no portal do Osimga.
O documento sinala tamén un crecemento de case un 12 % no uso de internet entre os galegos e galegas de máis de 74 anos aínda que a porcentaxe de internautas desta idade é do 22,5 %.
Uso de internet
O uso do comercio electrónico creceu máis dun 40 % en dous anos entre as persoas maiores de 74 anos, das que máis do 16 % mercan online. No caso das persoas de 65 a 74 anos o uso do comercio electrónico sitúase preto do 20 %. Máis do 43 % dos maiores de 65 anos utilizou Internet para realizar xestións coas administracións públicas. Na maioría dos casos para buscar información e enviar formularios cumprimentados.
No 2023 afiánzase entre os maiores de 64 anos o uso da banca electrónica, a xestión das citas médicas a través dunha páxina web ou app móbil, ou a busca de información sobre temas de saúde. Así, máis do 55 % dos internautas maiores de 65 anos usan a banca electrónica; un 41,1 % no caso das persoas de máis de 74 anos.
Publicidade
Canto a citas médicas, preto do 50 % dos internautas de 65 aos 74 xa as solicita por internet; unha porcentaxe que queda no 36,1 % no caso dos maiores de 74. Respecto á fenda dixital de xénero, o acceso a internet é case idéntico entre homes e mulleres de 65 a 74 anos pero a partir dos 74, os homes superan ás mulleres en máis de 6 puntos (26,1 % e 20 %).
Dispositivos electrónicos
O maior uso de internet vai parello ao incremento de dispositivos electrónicos entre as persoas de máis de 65 anos. O estudo sinala que o 70,3 % dos galegos de 65 a 74 anos xa usan o smartphone e tamén o fan preto dun 30 % dos maiores de 74. Canto aos ordenadores, son empregados por un terzo dos galegos e galegas dos 65 aos 74 anos e por máis do 8 % das persoas maiores de 74.
No uso de todos estes dispositivos, os homes de máis de 74 anos superan claramente o nivel de dixitalización das mulleres. Entre os 65 e os 74 anos son as mulleres as que utilizan máis os dispositivos móbiles e smartphones que os homes.
Conexión a Internet
0 63,1 % dos fogares con persoas maiores de 74 anos teñen acceso a Internet, o que supón un incremento do 2,6 % respecto ao ano anterior.
Máis do 71 % destes fogares con conexión a Internet, contan cunha velocidade igual o superior aos 30Mbps.
Os resultados detallados do informe Galicia: A nosa vida en dixital poden ser consultados en OSIMGA.GAL.
コメント