Rodeiro e Vila de Cruces non pediron adherirse ao convenio da Xunta e Seaga para a xestión da biomasa
- ecosdacomarca

- hace 6 horas
- 3 min de lectura
Completan esta lista os municipios de Narón, Oleiros, Sada, Abadín, Castroverde, Cervantes, Meira, Muras, Ramirás, Viana do Bolo, A Illa de Arousa e Vigo
Ecos da Comarca/Deza
A Xunta, a través do convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a empresa pública Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, realizou xa actuacións preventivas en algo máis de 2.600 referencias catastrais (parcelas) de 70 parroquias priorizadas de toda Galicia.

Esta é unha das posibilidades que ofrece o convenio, ben que é importante ter en conta que estes labores deben ser solicitados polos propietarios dos predios, que poden contratar con Seaga directamente para levar a cabo estas actuacións a un prezo moi competitivo, de 420 euros por hectárea.
A maiores, actuouse en preto de 200 quilómetros de vías municipais. Así figura no informe elevado onte ante o Consello do Goberno autonómico, no cal se recollen os avances realizados este ano no marco deste convenio. Cabe sinalar que as comprobacións correspondentes a este 2026 acaban de comezar, tendo en conta que os titulares dos predios en faixas tiveron ata o 31 de maio para levar a cabo a limpeza dos seus predios.
PUBLICIDADE
Polo tanto, é a partir desta data cando Seaga pode colaborar na inspección e posterior execución subsidiaria, de ser o caso, sempre que os concellos o soliciten dentro das facilidades que se ofrecen neste convenio. Ata o de agora, un total de 299 concellos solicitaron a súa adhesión ao convenio, dos cales 275 teñen xa o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais aprobado. Os municipios que actualmente non solicitaron a súa adhesión son Narón, Oleiros e Sada, na provincia da Coruña; Abadín, Castroverde, Cervantes, Meira e Muras, en Lugo; Ramirás e Viana do Bolo, en Ourense; e A Illa de Arousa, Vigo, Vila de Cruces e Rodeiro, na provincia de Pontevedra.
Así, cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural estableceu como prazo idóneo para a adhesión o 21 de marzo, data en que a maior parte dos concellos actualmente adheridos (case o 94 %) xa manifestaran a súa vontade de formar parte desta iniciativa. Pero a maiores disto, fixouse ata o 31 de marzo para que os concellos enviasen a planificación e solicitasen actuacións ao abeiro do convenio, pero só o 30% cumpriron este prazo daquela. Na actualidade, tan só o 50 % dos concellos (152 exactamente) pediron a realización destes traballos, maioritariamente para acometer actuacións en vías de titularidade municipal (o 56 %), que non son faixas secundarias, e tamén para a realización de execucións subsidiarias (o 26%), para inspeccións (27 %) e seis municipios solicitaron exemplares de árbores compatibles coas faixas secundarias. Apoios no marco do convenio Cómpre lembrar que a través do convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a empresa pública Seaga se procura apoiar os propietarios e concellos no cumprimento das súas obrigas en relación coa prevención e defensa contra os incendios forestais nas faixas secundarias, os 50 metros que rodean os núcleos de poboación.
A xestión destas franxas correspóndelles aos particulares e, en caso de incumprimento, son os concellos os que deben executala de maneira subsidiaria, tal e como establece a Lei de incendios. O actual acordo, asinado a finais de 2025 e con vixencia ata 2029, conta cun orzamento anual de 25 millóns de euros, o dobre que o anterior. Ademais de contar cunha maior dotación económica, o actual convenio inclúe importantes novidades, como é o reforzo do apoio que se lles presta aos concellos, en especial a aqueles de menos de 10.000 habitantes, así como aos particulares.
PUBLICIDADE
Así, incrementouse o número de parroquias priorizadas, aquelas en que os propietarios poden contratar os servizos de Seaga a prezo de 420 euros por hectárea, que pasan de 157 a 276. De xeito complementario, ofrécense os servizos desta empresa pública para a realización de execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas por concello e ano fóra desas parroquias, e a limpeza de 12 quilómetros de vías municipais; cuestións que os concellos deberán identificar e solicitar.
Seguindo esta liña de apoio, a través de Seaga os concellos adheridos terán á súa disposición axuda para a revisión ou modificación do Plan municipal de prevención, e tamén apoio para realizar as inspeccións e notificacións aos titulares dos predios, sempre e cando o soliciten.








Comentarios