Presentan na Semana Verde unha nova ferramenta informática para a xestión integral das explotacións
- Laura Moure
- 10 jun 2023
- 2 Min. de lectura
Ángeles Vázquez avoga por promover a concienciación ambiental durante a súa presenza onte nesta cita de Silleda
Laura Moure/Silleda
A Xunta presentou onte, no marco da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a nova plataforma informática Xeaga, de xestión integral das explotacións agrarias da nosa comunidade. Trátase dunha ferramenta que estará dispoñible a partires do vindeiro día 1 de xullo e que permitirá aos agricultores e gandeiros galegos xestionar todos os datos das súas granxas. Polo tanto, facilítalles o cumprimento da normativa estatal de aplicación.
Así, a ferramenta proporciona un acceso persoal para xestionar a obrigatoriedade de manter o caderno de explotación, no que se debe incorporar toda a información relativa ao uso de fitosanitarios, fertilización, declaración de grupos de cultivos ou ecorreximes no marco da nova Política Agrícola Común (PAC) 2023-2027.

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado do director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, foron os encargados de inaugurar este venres en Silleda unha xornada formativa específica sobre esta materia, baixo o título de “Sistemas de Xestión de Explotacións Agrarias (AGRO 4.0 – Cadernos de explotación)”.
Trátase dun sistema incluído dentro da propia Plataforma AGRO 4.0 -iniciativa financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020)- que ofrece tamén outras ferramentas, caso do observatorio de parcelas, e que senta as bases para a súa aplicación noutros eidos como a gandaría, o vitícola ou o desenvolvemento rural.
Durante a xornada de formación organizada pola Consellería do Medio Rural houbo, ademais da presentación da plataforma, unha charla sobre a “Xeolocalización como oportunidade de automatización de rexistros” e a exposición dun caso práctico de uso da nova ferramenta presentada.

Por outra banda, a Xunta promove a concienciación ambiental na Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia a través de diversas actividades educativas que se están a desenvolver no stand que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural instalou en Silleda con motivo da celebración da 42 edición deste prestixiosa exposición internacional.
Segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou hoxe ao recinto feiral, preparouse un amplo programa de actividades para estes días, deseñadas especialmente para que os nenos consigan identificarse co mundo da natureza dunha forma didáctica e entretida. Así, haberá, por exemplo, obradoiros de debuxo, obradoiros de material reciclado e xogos didácticos sobre os parques naturais, espazos protexidos e biodiversidade.
De feito, Ángeles Vázquez acompañou ao alumnado de primaria do CEIP Xaquín Loriga de Prado (Lalín) que asistiu a un obradoiro de aves migradoras no que se abordou, entre outras cuestións, a orixe, evolución e características destas especies máis representativas de Galicia así como as boas prácticas para o seu estudo e conservación.
A maiores, a conselleira tamén subliñou o papel da caza e da pesca para garantir o equilibrio no territorio e puxo en valor o incremento do número de mulleres que amosan interese por participar nesta actividade. De feito, o 15 % dos aprobados nos exames celebrados recentemente para obter a licencia de caza foron mulleres.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Anuncio da feira coas distintas actividades: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-feira-abanca-semana-verde-arrinca-hoxe-con-740-expositores-a-s%C3%BAa-mellor-cifra-dos-%C3%BAltimos-16-anos
O primeiro da feira deste 2023: https://www.ecosdacomarca.com/post/as-razas-galegas-en-perigo-de-extinci%C3%B3n-escolleron-na-semana-verde-os-seus-mellores-exemplares
Comments