top of page
Foto del escritorLaura Moure

A feira Abanca Semana Verde arrinca hoxe con 740 expositores, a súa mellor cifra dos últimos 16 anos

O seu programa de actividades volverá superar as 200 propostas, entre as que haberá numerosas novidades



Laura Moure/Silleda

A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia abre hoxe, día 8, as portas da súa 45ª edición, unha cita que será inaugurada polo Vicepresidente segundo e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, ás 13:00 horas. Este ano o certame alcanza a súa mellor cifra de expositores directos dos últimos 16 anos, estando presentes 740 empresas e entidades de 10 países. A eles súmanse 361 firmas representadas, as cales xunto ás empresas presentes directamente proceden de 24 países. Estes expositores ocupan 17.083 metros cadrados netos, que sumados aos correspondentes ás actividades ascende a máis de 75.000.


Estas cifras supoñen un 6,7% máis de expositores que o ano pasado, cando foran 693, e un 2% máis que en 2019, cando se rexistran 725. Tamén aumenta respecto ao ano pasado o número de países representados polos expositores directos, xa que entón procedían de 9 países, e a superficie neta, pois en 2022 foi de 16.036 metros cadrados.

Autor: Ecos da Comarca.

Ademais, o seu salón turístico consegue de novo cifras récord en número de expositores presentes e superficie, como xa fixera o ano pasado. Así, os participantes aumentan un 13%, chegando a 95 expositores, mentres que a superficie faino un 3%.


A feira, que contará con gran cantidade de novas participacións, destacará unha vez máis pola súa diversidade, xa que ademais dos certames paralelos, centrados en alimentación, turismo, caza, pesca e natureza, contará con numerosos sectores que van desde gandería, bioenerxía e pequena maquinaria ata mobiliario e artesanía, ademais de moitos outros produtos e servizos. Un atractivo que se traslada ao seu amplo programa, con actividades tanto para profesionais como para público xeral.


Os asistentes poderán acceder de forma gratuíta por décimo terceiro ano consecutivo. Só se aboara o aparcadoiro, cun módico prezo de 3 euros destinado un ano máis a incrementar a calidade do programa de actividades.


Máis de 200 actividades

Nesta edición volverá destacar o seu amplísimo programa, con máis de 200 actividades distintas, moitas das cales se repetirán ao longo do certame e entre as que haberá numerosas novidades.


O salón de alimentación Salimat Abanca será un ano máis un importante espazo de negocio. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), permitirán ás empresas reunirse con 28 importadores e distribuidores de 19 países, xa que finalmente sumouse un novo importador. A súa área Alinova mostrará preto de 80 innovacións, mentres que no seu programa haberá numerosas catas, showcookings con reputados chefs ou o Encontro Gastroblogger. O seu concurso da tortilla incluirá unha competición por equipos capitaneados por coñecidos rostros da Televisión de Galicia e ademais estreará o “Faladoiro de Salimat”, un espazo con tres grandes chefs que falarán do onte e o hoxe mentres elaboran un prato de referencia nas súas vidas.


Turexpo Galicia e Festur, que se celebran co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, contarán coa presenza de empresas e entidades do sector turístico, entre as que destacan as novas participacións, un espazo cedido á Axencia para o Desenvolvemento Turístico de Ucraína (SATD) destinado a que os visitantes poidan mostrar a súa solidariedade ao país e tamén 31 concellos que promocionarán 40 festas galegas de interese turístico. Na súa vertente profesional inclúese o VI Encontro de Bloggers de Turismo e destacará a Bolsa de Contratación Turística, con máis de 30 operadores turísticos con presenza en 12 países que buscarán propostas no salón.

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

En canto a Fecap Abanca, ofrece de novo un interesante programa, con propostas como o II Concurso Monográfico do Club Español do Grifón Nivernés, a III Presentación de Cans de Caza, exhibicións de cetrería, un simulador, exposición de trofeos de caza ou talleres sobre aspectos como seguridade para actividades no medio natural, autorrescate de vehículos ou condución climatolóxica extrema.


As actividades caninas e ecuestres volven ser outro dos atractivos do programa, podendo desfrutar no caso das primeiras con propostas como a Copa Federación Abanca Semana Verde de agility, propostas do Can de Palleiro, o Concurso Nacional Canino de Beleza ou novas exhibicións de mondioring e da Unidade Cinológica del Tercio Norte de Infantería de Marina. Nas ecuestres destacará o X Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C de cabalos árabes, o taller sobre “Coidados do poni”, o Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galega ou, por primeira vez, unha proba de obstáculos con cabalos árabes.


Na área gandeira destacarán as razas autóctonas de Galicia, con exposicións tanto de Rubia Galega e de Galiña Piñeira como das razas en perigo de extinción, realizando tanto estas últimas como a Galiña Piñeira concursos morfolóxicos, ademais do III Concurso Nacional de Manexo de Porco Celta. Así mesmo, poderanse ver impresionantes bois das razas Maronesa, Cachena, Barroça e Alistano-Sanabresa e unha exhibición de tiro con carro tradicional galego.

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Nesta edición tamén destacará a celebración de foros e xornadas, entre eles o ““I Foro de Activistas: por un futuro rural”, a presentación da ferramenta informática “Sistemas de xestión de explotacións agrarias (agro 4.0)” por parte da Consellería do Medio Rural ou conferencias como “Ingredientes alternativos en alimentación animal e estratexias sostibles para a mellora do benestar en gandería”. Tamén os talleres serán numerosos, como os da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, entre eles “Natureza e Robótica” ou “O gran espectáculo da Natureza.


O programa completarase con outras propostas lúdicas de gran de interese, como shows de motrocrós, unha exposición de dinosauros animatronics que este ano inclúe novidades, a VIII Carreira Popular, o IV Open de Xadrez, a realización de esculturas con motoserra ou actividades multiaventura.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page