Entre estas atópanse animais das comarcas, en concreto, de Vila de Cruces, Lalín e Toques // Diego Calvo destaca a fortaleza desta feira "como evento multisectorial"
Laura Moure/Silleda
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou onte na inauguración da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia nun acto que contou tamén coa presenza do conselleiro do Medio Rural, José González, e coa conselleira do Mar, Rosa Quintana. Na súa intervención, Calvo destacou a fortaleza deste evento multisectorial que chega á 45ª edición coa maior cifra de expositores directos dos últimos anos, con 740 distribuídos en máis de 17.000 metros cadrados, e que medra en presenza institucional de ámbito nacional e internacional.
Para o vicepresidente segundo, a potencialidade organizativa e de loxística do recinto Feira Internacional de Galicia Abanca situado en Silleda é unha das claves do éxito da Semana Verde, xa que a súa versatilidade permite ofrecer, ademais das feiras profesionais, unha ampla programación con actividades de ocio, deportivas e gastronómicas, certames ecuestres e caninos, e concursos gandeiros. Convértese así “nun universo de coñecemento, de experiencias e de sensacións tanto para profesionais como para o público xeral”, apuntou.
Neste sentido, Diego Calvo enxalzou a capacidade de innovación do evento, con arredor de 200 propostas que combinan accións tradicionais que convocan cada ano un público fiel coas máis innovadoras, sobre todo no salón de alimentación e turismo. Así, sinalou a presenza de preto de 80 innovacións alimentarias lanzadas ao mercado no último ano, como o xeado de polbo ou a marmelada de olivas e anís, entre outras.
Encontros profesionais
Canto á vertente profesional, o vicepresidente segundo referiuse ás xuntanzas entre compradores alimentarios, nas que está previsto que participen unha trintena de representantes de 19 países, e entre turoperadores, que contarán tamén cunha trintena de representantes con presenza en 12 países.
Como cada ano, a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia acolle catro salóns paralelos co Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca), a Feira de caza, pesca e natureza (Fecap Abanca), o Salón Turístico de Galicia (Turexpo), e a Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) que se converten nos mellores escaparates do carácter punteiro galego en cada un destes sectores. A eles súmanse eidos como a gandería, o enerxético a través da biomasa, o da maquinaria agrícola ou o das mascotas. O evento prolóngase ata o domingo 11, con acceso de balde.
Concursos morfolóxicos
A 45ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, foi este xoves marco de dez concursos morfolóxicos das razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción, os cales estiveron organizados pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) e a Asociación de Criadores dá Raza Porcina Celta (Asoporcel).
En canto aos concursos das bovinas, participaron máis de 90 exemplares de 14 ganderías en cinco concursos morfolóxicos. No X da Raza Cachena o primeiro posto foi para Solfa, de Gandería Tras do Río, de Ortigueira (A Coruña), o segundo para Truana, de Leira A Ferreira, de Val do Dubra (A Coruña) e o terceiro para Mosca, de Cachenas de Pantón, de Pantón (Lugo). No IX da Vianesa o primeiro posto foi para Vitureira, de Gandería Martelo, de Outes (A Coruña), o segundo para Vivi, de María Concepción Gómez, de Maceda (Ourense) e o terceiro para Muralla, de Gandería Martelo, do mesmo xeito que a gañadora.
En canto ao VIII de Caldelá, gañou Cebada, de Alejandro Salvatierra, da Pontenova (Lugo), o segundo posto foi para Cabaza, de Roberto Louzán, de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) e o terceiro para Ceboleira, de Juan Manuel Lage, de Maceda (Ourense). No VII Concurso Morfolóxico da Limiá, a campioa foi Pacheca, de Jesús Pardal, de Rois (A Coruña), a subcampioa foi Lixosa, de David López, de Cervo (Lugo) e a terceira Bágoa, tamén de Jesús Pardal. Xa no V da Frieiresa o pódium estivo composto por Festa, de Gandería Armental, de Begonte (Lugo); Fanática, de Roberto Louzán, de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) e Carmiña, de Gonzalo Seoane, de Vilalba (Lugo).
En canto á Galiña de Mos, tivo lugar o 14º Campionato Gallego, no que participaron 150 exemplares adultos de 25 criadores. Na súa sección por lotes, o gañador foi un de José Luis Freire, de Pol (Lugo), seguido dun Óscar Rodríguez (Mos- Pontevedra) e o terceiro un de José Zapata, de Castro de Rei (Lugo). De forma individual, en galos venceu un exemplar de Francisco José Mosteiro, de Vilalba (Lugo), o segundo foi un animal de Alejandro Collazo, de Mos (Pontevedra) e o terceiro un de Sandra López, de Láncara (Lugo). En galiñas, o podium foi, de primeira a terceira, para exemplares de Carlos Alberto Pampín, de Vila de Cruces (Pontevedra); de José Luis Freire, de Pol (Lugo) e de Óscar Miranda, de Castro de Rei (Lugo).
As razas Ovella Galega e Cabra Galega celebraron a terceira edición da súa competición, con vinte exemplares participantes. En canto ao da Ovella Galega, centrado en femias, o primeiro e terceiro posto foron para animais de Leira A Tellada, de Nogueira de Ramuín (Ourense), mentres que o segundo foi un de Montes de Boado, de Xinzo de Limia (Ourense). Respecto ao de Cabra Galega, conseguiu o primeiro posto unha femia de Jaime Fernández. de Cerdido (A Coruña), quedando en segundo posto unha de Dores García, de Toques (A Coruña) e en terceiro lugar unha cabra de Leira A Ferreira, de Val do Dubra (A Coruña).
En canto ao V Concurso Morfolóxico do Porco Celta, organizado por Asoporcel, contou con 56 animais de 33 ganderías das catro provincias galegas. Na categoría de femias venceu un animal de Manuel Paris, de Outes (A Coruña), seguido dunha de Celso Toimil, de Lalín (Pontevedra) e outro de Fernando Saavedra, de Castro de Rei (Lugo). En machos o vencedor foi un porco de Laura Sánchez, de Oza-Cesuras (A Coruña), o segundo foi un animal de José Vega, de Castro de Rei (Lugo) e o terceiro un de Diego Díaz, de Lugo. En canto a recría, o vencedor foi un exemplar de Isabel González, de Maside (Ourense), ao que seguiu un de Pablo Cabodevila, de Riotorto (Lugo) e un de Hermelino Javier Sixto, de Alfoz (Lugo).
En canto ao Cabalo de Pura Raza Galega, levará a cabo o seu décimo concurso morfolóxico mañá, sábado, tamén no marco da feira.
Catas e degustacións
Así mesmo, a Consellería do Medio Rural participa na 45ª edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia mediante a organización de catas e degustacións de produtos galegos de calidade diferenciada, ademais de apoiar aos diferentes concursos e certames de gando, especialmente de razas autóctonas galegas, entre outras actividades.
Así, houbo ata cinco catas-degustacións diferentes, organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria e agrupadas baixo a denominación “Experiencias de Calidade”, no marco do Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca), no que participan unha trintena de empresas galegas do sector, baixo o paraugas da Xunta. Trátase das degustacións de queixos galegos con denominación de orixe protexida (DOP), das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia, dos produtos ecolóxicos certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), de viños da denominación de orixe Ribeira Sacra e da IXP Pan Galego.
Na xornada de hoxe, venres, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participará, xunto co director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, na inauguración da xornada de presentación da ferramenta informática “Sistemas de Xestión de Explotacións Agrarias (AGRO 4.0) – Cadernos de Explotación”. Trátase dun sistema relacionado co caderno dixital recollido na nova Política Agraria Común (PAC) e incluído na devandita Plataforma AGRO 4.0, unha iniciativa financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020). Este instrumento ofrece tamén outras ferramentas, caso do observatorio de parcelas, e senta as bases para a súa aplicación noutros eidos como a gandaría, o vitícola ou o desenvolvemento rural.
I Foro Activistas: por un futuro rural
A feira acolleu onte o “I Foro Activistas: por un futuro rural”, organizado por Río de Galicia. No seu marco celebráronse dúas mesas redondas. A primeira delas centrouse en Vivir e traballar no rural. A vida máis aló da cidade, sendo a súa moderadora Carmen Lence, CEO do Grupo Lence e os seus relatores Laura Seoane, gandeira de terceira xeración de Ugasma; Nuria Varela, fundadora e directora xeral de Pazo de Vilane e Inés Rodríguez, fundadora e propietaria de RiR&Co.
A segunda delas versou sobre Empresa Rural. Viabilidade e servizos, estando moderada por Cristina Díaz, de Economía Dixital. Nela interviñeron Covadonga Toca, secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia; Alfredo Ramo, director de R e José Antonio Menéndez, responsable de Relacionas Institucionais de Zona Noroeste de Endesa.
Stands dos Concellos
Cabe mencionar que distintos concellos das comarcas teñen os seus propios stands na feira para amosar o mellor do seu municipio, como por exemplo, o caso de Vila de Cruces.
NOTICIA RELACIONADA:
Anuncio da feira coas distintas actividades: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-feira-abanca-semana-verde-arrinca-hoxe-con-740-expositores-a-s%C3%BAa-mellor-cifra-dos-%C3%BAltimos-16-anos
Comments