top of page

Piden a Patrimonio que aclare se autorizou as obras no Castro de Vilar e se houbo control arqueolóxico

hace 8 horas
2 min de lectura

Ecos da Comarca/Lalín

O investigador e xeógrafo lalinense Antonio Presas presentou un escrito ante a Delegación de Patrimonio de Lugo no que solicita información sobre os traballos realizados polo Concello de Lalín no Castro de Vilar, situado na parroquia de Soutolongo, e reclama que se lle faciliten os permisos e a documentación relativa ao control arqueolóxico da actuación.


Segundo expón Presas, o pasado 29 de outubro de 2026 a Concellería de Obras, Servizos e Festas do Concello de Lalín introduciu maquinaria pesada no xacemento para ensanchar un antigo camiño que, segundo indica, permanecía abandonado desde hai máis de 60 anos.

Fonte: Antonio Presas.
Fonte: Antonio Presas.

O afectado considera que os traballos realizados son incompatibles coa preservación do xacemento arqueolóxico. Trátase do Castro de Vilar, tamén coñecido como Castro de Aquel Lado, catalogado coa referencia GA36024034 e incluído no PXOM de Lalín como elemento 1.45. O espazo está clasificado como Solo Rústico de Especial Protección do Patrimonio Arqueolóxico e conta con áreas de protección integral, respecto e cautela.


Presas explica que o antigo camiño discorría polo antecastro, achegándose á entrada da croa, para descender posteriormente ata o río Asneiro, na zona onde existiu unha ponte de madeira que permitía acceder a unha central hidroeléctrica, pechada desde 1972.

 PUBLICIDADE


Solicita aclaracións sobre os permisos municipais

O pasado 2 de novembro, Antonio Presas rexistrou un escrito ante a Delegación de Patrimonio de Lugo, co número de entrada 62809/RX3148041, no que comunicaba o sucedido e solicitaba a adopción das medidas correspondentes por parte da Administración.


No novo documento, presentado este 6 de novembro, fai referencia ás informacións publicadas nos últimos días nos medios de comunicación sobre a actuación municipal e ás explicacións ofrecidas polo Concello de Lalín.


En concreto, alude ás manifestacións do concelleiro de Obras, segundo as cales o Concello tería presentado un proxecto ante Patrimonio, dispoñería das autorizacións necesarias da Consellería e as obras contarían con control arqueolóxico directo.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Ante estas explicacións e á vista dos traballos executados, Presas cuestiona a existencia deses permisos e considera necesario aclarar se a intervención contou efectivamente coa autorización e supervisión da Administración competente.


Por este motivo, solicita formalmente á Delegación de Patrimonio que lle confirme por escrito catro cuestións: se o Concello de Lalín presentou un proxecto para ensanchar o denominado camiño do Castro; se a actuación foi autorizada e baixo que condicións; se existiu seguimento e control arqueolóxico durante os traballos; e que se lle facilite a memoria explicativa correspondente a ese control arqueolóxico.


NOTICIA RELACIONADA:

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page