top of page

Gómez Caamaño destaca a aplicación do novo modelo de axendas de atención primaria no CIS Lalín

hace 8 horas
2 min de lectura

Amplía a carteira de especialidades ata 9, sumando endocrinoloxía e neuroloxía


Ecos da Comarca/Lalín

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, abordou este venres cos profesionais do Centro Integral de Saúde de Lalín e Comarca de Deza o novo modelo de axendas de medicina de familia que se está a probar de xeito piloto. Ese centro vén, ademais, de ampliar a súa carteira de especialidades para chegar ata 9, ao sumar endocrinoloxía e neuroloxía.


Acompañado pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, polo director de Atención Primaria e Comunitaria, Salvador Mariño-Ageitos, e polo xerente da área sanitaria, Ángel Facio, o conselleiro indicou que o CIS de Lalín e Comarca de Deza é un dos 14 centros galegos nos que se está a probar o novo modelo de axendas de atención primaria, unha das medidas do Plan de Reforma da atención primaria e comunitaria 2026-2030. A pilotaxe comezou o pasado 19 de outubro nos 13 cupos de medicina de familia do centro.

Este novo modelo establece un máximo de 30 citas diarias en medicina de familia e reserva tempo para as consultas programadas, o seguimento de pacientes crónicos e outras actividades que precisan unha atención máis individualizada.


En concreto, o CIS Lalín conta cun módulo específico de catro horas, de 15:00 a 19:00 horas, para organizar a atención da sobredemanda, é dicir, das solicitudes que superan a capacidade habitual das axendas. Deste xeito, búscase dar unha resposta planificada a estas necesidades sen sobrecargar as consultas ordinarias.


Esta reorganización pretende que os profesionais dispoñan de máis tempo para atender aos seus pacientes e poidan planificar mellor a súa actividade.

 PUBLICIDADE

Por outra banda, a oferta do CIS viuse ampliada recentemente coa incorporación do servizo de endocrinoloxía, en funcionamento desde o pasado 5 de outubro, e de neuroloxía, cuxas primeiras consultas se iniciaron hai dous días, este mesmo mércores, 4 de novembro. Esta ampliación permite seguir achegando a asistencia especializada á comarca e evitar desprazamentos innecesarios á poboación ata Santiago de Compostela.

  

Desde a apertura do centro, en outubro de 2024, o CIS de Lalín e Comarca de Deza rexistrou preto de 600.000 actos e atencións sanitarias. Máis de 505.000 corresponden á atención primaria, incluídas máis de 215.000 consultas de medicina de familia, máis de 160.000 actuacións de enfermería e arredor de 34.000 consultas de pediatría. O centro tamén superou as 44.000 asistencias no Punto de Atención Continuada.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

En canto á atención especializada, o centro conta con servizos de cardioloxía, pneumoloxía, oftalmoloxía, psiquiatría, rehabilitación, traumatoloxía e xinecoloxía, cuxo balance supera xa as 48.000 citas e probas diagnósticas, entre elas, 15.300 consultas.

 

A atención á saúde mental tamén ten un peso destacado con preto de 5.500 consultas de psiquiatría e psicoloxía atendidas. Só no último ano, a unidade atendeu máis de 2.700 consultas, cunha media próxima ás 230 ao mes.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page