top of page

O BNG critica que o PP se negue a destinar 5 millóns de euros para desbloquear as parcelarias de Lalín

hace 8 horas
3 min de lectura

Ariadna Fernández lamenta que vote en contra de dotar Lalín de ciclos formativos para que a mocidade da comarca non teñan que desprazarse


Ecos da Comarca/Lalín

A deputada do BNG pola comarca de Deza, Ariadna Fernández, reclamoulle ao PP na Xunta cinco millóns de euros dos orzamentos de 2027 para darlle un pulo e avanzar e desbloquear as concentracións parcelarias de Lalín. “Non chegarían pero poderían favorecernos”, aclarou.

 

Tamén pediu na Comisión 7ª dotar o concello do Ciclo Superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal e dos ciclos medios de Produción Agropecuaria e de Produción Agroecolóxica para que os mozos e mozas da comarca non teñan que desprazarse 100 quilómetros para recibir formación especializada, para cubrir a demanda de toda a comarca e favorer a continuidade das explotacións agrogandeiras.

Fernández esixiulle á Xunta que impulse as concentracións parcelarias pendentes no concello de Lalín, un territorio no que a actividade agrogandeira segue a ser un dos principais motores económicos e sociais, con máis de 500 explotacións gandeiras.

 

Fernández denunciou que menos de 900 hectáreas contan con procedementos de concentración rematados, fronte a máis de 10.000 que seguen incluídas en procesos sen finalizar. "Estamos a falar de persoas propietarias que precisan dispoñer das súas terras e de explotacións que non poden planificar o seu futuro", afirmou, lembrando que a falta de base territorial incrementa os custos de produción e a dependencia da compra de alimentación animal.

 

“A terra é un dos principais limitadores nas nosas explotacións e un dos principais factores que inflúen na nosa rendibilidade”, recalcou Fernández, polo que debería ser “unha prioridade para o Goberno galego”, malia que, segundo criticou, par ao PP, “é unha materia pendente”. “Sen terra, estás vendido”.

  PUBLICIDADE

A deputada puxo como exemplo os atrasos acumulados como a parcelaria de Cercio, que foi decretada en 1986 e segue sen rematar; as de Noceda/Bendoiro e Anzo, Madriñán e Busto levan 25 anos sen títulos; Santa Baia de Losón e Val Bermés e Sello foron decretadas en 2008; e as de Cristimil, Galegos e Goiás, decretadas en 2022, rematarían en 2040 ao ritmo actual. Tamén citou casos en Rodeiro, onde a reestruturación de Val de Camba comezou en 2008 e continua sen rematar, ou en Agolada, con procedementos pendentes desde hai máis de dúas décadas.

 

Fernández cualificou de insuficiente a partida de 22 millóns nos orzamentos da Xunta para todas as parcelarias do País e criticou que a entrega de títulos en Vilatuxe, 25 anos despois de decretarse a concentración, se presentase como “un logro”. "Os gandeiros contan con non ter vacas cando a Xunta remate de reestruturar a súa terra", ironizou.

  PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

O que demanda o BNG

Ademais dos cinco millóns de euros nos vindeiros orzamentos da Xunta e dos ciclos formativos, na iniciativa, o BNG reclamaba a elaboración dun informe sobre o estado das concentracións e a súa evolución na última década, que permita avaliar se os gandeiros son beneficiarios destes procesos, con datos sobre a superficie agraria útil media, a viabilidade das explotacións e o relevo xeracional.

 

Pedía ademais que os orzamentos galegos para 2027 inclúan partidas específicas e unha planificación temporal clara para finalizar estes procedementos.

 

O PP votou en contra porque segundo argumenta, a iniciativa “non ten realismo”, ao que a deputada lle replicou “cun pouquiño de realismo”, lembrándolle a cantidade de parcelarias que leva sen rematarse, algunhas delas desde 1986. “Non decreten máis e acaben algunha. Se realmente existe compromiso, fágano. Pero non existe nin compromiso en Lalín, nin en Rodeiro, nin na Golada, nin en  Dozón , nin en ningún sitio”, concluíu.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page