Os vehículos danados en Silleda poderían superar os 70, pero a Garda Civil só contabiliza 21 denuncias
Ecos da Comarca/Silleda
A preocupación segue en Silleda tras os numerosos danos ocasionados en vehículos estacionados en distintas rúas da localidade na madrugada do pasado mércores. Aínda que a cifra total de coches afectados podería superar os 70, a Garda Civil contabiliza, a día de hoxe, 18 denuncias correspondentes a 21 vehículos danados.

Esta diferenza débese a que non todas as persoas afectadas presentaron denuncia e a que nalgúns casos unha mesma persoa sufriu danos en máis dun vehículo.
Os incidentes, dos que a veciñanza comezou a alertar nos últimos días, esténdense por diferentes rúas da vila, entre elas Santa Eulalia, Progreso e Emilio Alonso Paz, ademais doutros puntos do casco urbano. Os propietarios atopáronse cos pneumáticos picados e outros danos nos seus coches, provocando malestar e indignación entre os afectados.
PUBLICIDADE
A situación está a xerar unha crecente preocupación entre os residentes, que consideran necesario reforzar a seguridade durante a noite para evitar que se repitan este tipo de actos. De feito, entre a veciñanza xa se baralla a posibilidade de recoller sinaturas para solicitar máis vixilancia e medidas de seguridade nocturna.
PUBLICIDADE
Os afectados piden que se poñan medios para esclarecer o sucedido e identificar os responsables, ao tempo que reclaman poder deixar os seus vehículos estacionados na rúa sen temor a atopalos danados á mañá seguinte.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Policía Local e Garda Civil investigan os danos a decenas de vehículos en Silleda:https://www.ecosdacomarca.com/post/polic%C3%ADa-local-e-garda-civil-investigan-os-danos-a-decenas-de-veh%C3%ADculos-en-silleda
Falamos coa veciñanza e con neumáticos Tato: https://www.facebook.com/share/v/19ozAMmbwi/









Comentarios