Os mellores exemplares das razas autóctonas en perigo de extinción decidíronse hoxe na feira Abanca
- Laura Moure
- 2 jun 2022
- 5 Min. de lectura
As catro provincias galegas rexistraron gañadores nalgún dos dez concursos que se celebraron esta mañá nesta cita de Silleda, entre eles de Monterroso, Toques e Cruces
Laura Moure/Silleda
A 44ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra desde hoxe ata o domingo en Silleda, foi esta mañá marco de dez concursos morfolóxicos das razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción, os cales estiveron organizados pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) e a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel).
En canto aos concursos das bovinas, participaron 28 exemplares de 10 ganderías en cinco concursos morfolóxicos. No IX da Raza Cachena o primeiro posto foi para Solfa, de Gandería Tras do Río, de Ortigueira (A Coruña), o segundo para Soralia, de Gonzalo Seoane, de Vilalba (Lugo) e o terceiro para Paprika, de Jordi Ánguez, de Triacastela (Lugo). No VIII da Vianesa o primeiro posto foi para Vitureira, o segundo para Vaselina e o terceiro para Deva, todos exemplares pertencentes a Gandería Martelo, de Outes (A Coruña).

En canto ao VII de Caldelá, gañou Colosa, de Juan Manuel Lage, de Maceda (Ourense), sendo o segundo posto para Cebada, de Alejandro Salvatierra, da Pontenova (Lugo) e o terceiro para Cantina, tamén de Juan Manuel Lage. No VI Concurso Morfolóxico da Limiá, a campioa foi Rubia, a subcampioa Larxa e a terceira Lágrima, todas elas propiedade de Jesús Pardal, de Rois (A Coruña). Xa no IV da Frieiresa o pódium estivo composto por Fábula, Festa e Freba, as tres de Gandería Armental, de Begonte (Lugo).
En canto á Galiña de Mos, tivo lugar o 13º Campionato Galego, no que participaron 20 criadores. Na súa sección por lotes, o gañador foi un exemplar de Luís Fernández, de Riotorto (Lugo), seguido dun de Sandra López, de Láncara (Lugo) e doutro de José Luis Freire, de Pol (Lugo).
De forma individual, con 43 animais participantes, en galos venceu un exemplar de Alejandro Collazo, de Mos (Pontevedra), sendo o segundo posto para José Luis Freire, de Pol (Lugo) e o terceiro para Mª Carmen Fernández, de Betanzos (A Coruña). En galiñas, o podium foi, de primeira a terceira, para exemplares de Luís Fernández (Riotorto), Alejandro Collazo, de Mos (Pontevedra) e Óscar Rodríguez, tamén de Mos.
As razas Ovella Galega e Cabra Galega celebraron a segunda edición da súa competición. En canto ao da Ovella Galega, no que participaron 23 reprodutores, na sección de machos gañou unha exemplar propiedade de Ovidio Rojo, de Monterroso (Lugo). O segundo posto foi para un macho de Francisco Manuel Penabad, de Ortigueira (A Coruña) e o terceiro para un de Luís Fernández, de Riotorto (Lugo). En femias o primeiro e terceiro posto foron para un animal de Xoán González, de Vilariño de Conso (Ourense) e o segundo para un de Luís Fernández, de Riotorto (Lugo).
Respecto ao de Cabra Galega, ao que concorreron 11 animais, os premios repartíronse entre dúas exemplares propiedade de Ovidio Rojo, de Monterroso (Lugo), que conseguiron os primeiros postos tanto en machos como en femias, dúas de Jaime Fernández. de Cerdido (A Coruña), que quedaron segundo en machos e terceiro en femias, un macho de María Teresa Fernández, de Santiago de Compostela (A Coruña) que quedou en terceiro posto e unha femia de Dolores García, de Toques (A Coruña), que quedou en segundo posto.
Porco Celta En canto ao IV Concurso Morfolóxico do Porco Celta, organizado por Asoporcel, contou coa participación de máis de 50 exemplares pertencentes a 27 ganderías. Na categoría de machos venceu un animal de César Roo, de Vilagarcía (Pontevedra), seguido dunha exemplar propiedade de Sonia Ponte, de Negreira (A Coruña) e outro de Granxas de Lousada, de Irixioa (A Coruña). En femias a gañadora foi unha porca de Saúl Rouco, de Vilalba (Lugo), seguido dun animal de Fernando Calviño, de Vila de Cruces (Pontevedra) e outro de Magdalena Caride, de Vilamarín (Ourense).
En canto a recría, o vencedor foi un exemplar de Isabel González, de Maside (Ourense), ao que seguiu un de Laura Sánchez, de Oza-Cesuras (A Coruña) e doutro pertencente a Ramón Vázquez, de Monforte (Lugo).
O Porco Celta celebrará tamén o domingo o seu III Concurso de Manexo, o cal consiste en dirixir un exemplar por un determinado percorrido no menor tempo posible, podendo tocalo pero sen golpealo.
Presenza de Diego Calvo, novo conselleiro
Por outra banda, o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, presidiu hoxe a inauguración da 44º edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, á que cualificou como un compendio de tradición e renovación “para dar a coñecer unha Galicia emprendedora e de vangarda”.
Ao acto acudiron tamén, entre outros, a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López.
A feira, que se estenderá ata o domingo 5 de xuño, aspira a bater o récord de asistencia acadado na edición do ano 2019, cando reuniu a 128.066 visitantes. De feito, recobrouse o 95% dos expositores, o que confirma a recuperación dun evento que non se puido celebrar no 2020 por mor da pandemia pero que xa o ano pasado acadou os 57.000 visitantes. As expectativas creadas veñen avaladas pola presencia de preto de 700 expositores de nove países e a programación de máis de 200 actividades.
Diego Calvo amosouse convencido de que a volta á normalidade da máis famosa das feiras multisectoriais galegas é unha proba da súa puxanza e vitalidade. “Conxuga tradición e renovación, xa que foi un evento punteiro para dar a coñecer no pasado o mellor do sector primario e que cos anos foi quen de adaptarse aos novos tempos ata converterse nun fabuloso escaparate do mellor de Galicia”. Ao entender do vicepresidente segundo, na feira de Silleda dáse cita “a Galicia emprendedora e de vangarda baixo o selo de calidade”.

Xuntos cos stands tradicionais en torno ao sector primario de Galicia e a toda a cadea de valor da súa agricultura e gandería, a Semana Verde inclúe feiras xa consolidadas como o Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca), o Salón Turístico de Galicia (Turexpo Galicia), a Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) e a Feira de Caza, Pesca e Natureza (Fecap Abanca). Estas ofertas complementarias están a acadar tamén unha gran proxección, xa que tanto en Salimat Abanca como en Turexpo Galicia estase a superar nun 9% o número de expositores da edición do 2019, con cifras récord tanto en superficie ocupada como en stands.
“O Camiño de Santiago é o mellor escaparate de Galicia, e a Semana Verde de Silleda, o mellor exemplo do que son capaces de facer os galegos”, indica Diego Calvo
Desenvolvida nun recinto de máis de 400.000 m2 desuperficie, a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia é o principal punto de referencia expositiva do noroeste peninsular, cun deseño versátil que permite que, ademais das feiras profesionais, coincidan na cita unha morea de actividades de ocio, deportivas a gastronómicas, con certames ecuestres e caninos, concursos gandeiros, competicións deportivas e un amplo abano de ofertas para desfrute dos asistentes. A súa evolución nos últimos anos foi moi positiva e practicamente duplicou o número de expositores, metros cadrados e visitantes.
O vicepresidente segundo agradeceu o apoio co que recolleu o relevo da presidencia da Fundación Semana Verde e amosouse convencido de que á feira multisectorial lle esperan anos de éxito e proxección coincidindo co pulo internacional que está a ter Galicia da man do Xacobeo. “O Camiño de Santiago é o mellor escaparate de Galicia, e a Semana Verde de Silleda, o mellor exemplo do que son capaces de facer os galegos”, asegurou.
NOTICIA RELACIONADA E TODA INFORMACIÓN DAS ACTIVIDADES:
Commenti